Procedemento ordinario social
Que é
Trátase dun procedemento mediante o cal se presenta unha demanda ante a orde xurisdicional social para resolver conflitos derivados dunha relación laboral ou outras materias atribuídas legalmente a esta orde. Este procedemento constitúe a vía xeral para a resolución deste tipo de conflitos.
Tramítase ante a sección do social do tribunal de instancia competente, conforme á Lei 36/2011, do 10 de outubro, reguladora da xurisdición social.
Pode iniciarse por:
- A persoa traballadora.
- Os sindicatos en representación dos seus afiliados ou de intereses colectivos.
- Os/as empresarios/as ou entidades empregadoras.
- Outras partes lexítimas ou interesadas segundo a normativa vixente.
Para que serve
O procedemento ordinario é a regra xeral na xurisdición social e serve para resolver aquelas cuestións que non dispoñan dunha modalidade procesual específica (como despedimentos, sancións ou outros procedementos especiais).
En particular, permite:
- Resolver conflitos individuais derivados da relación laboral.
- Reclamar dereitos laborais e da Seguridade Social (salarios, condicións de traballo, etc.).
- Esixir o cumprimento de obrigas derivadas do contrato de traballo ou da normativa laboral vixente.
- Obter unha resolución xudicial tras a valoración das probas e alegacións das partes.
Utilízase especialmente cando existe controversia entre as partes e é necesaria a práctica de proba.
Documentación a presentar
Para que a demanda sexa admitida a trámite, é necesario achegar a seguinte documentación obrigatoria:
- Escrito de demanda: debidamente cumprimentado e asinado.
- Documentación acreditativa de ter intentado a conciliación ou mediación previa, de ter transcorrido o prazo esixible sen que se teña celebrado, do esgotamento da vía administrativa cando proceda, ou indicación de non seren necesarias ditas actuacións.
De xeito complementario tamén se poderán acompañar os seguintes documentos:
- Contrato de traballo: copia do contrato asinado entre as partes.
- Nóminas e xustificantes de pago: recibos de salarios ou extractos bancarios que acrediten os pagos recibidos ou as contías que se deben.
- Comunicacións coa empresa: cartas de despedimento, correos electrónicos, mensaxes ou calquera outra comunicación relevante.
- Informes administrativos: resolucións da Inspección de Traballo ou doutros organismos públicos se os houber.
- Outros medios de proba: calquera outro documento que axude a demostrar os feitos que se expoñen na demanda.
Cal é o seu custo
Taxas:
Este procedemento está exento de taxas xudiciais para as persoas traballadoras e para as persoas beneficiarias do sistema da Seguridade Social, conforme á normativa vixente na orde social.
Como solicitalo
A presentación da solicitude poderá realizarse por calquera medio, xa sexa de forma presencial ou a través da Sede Xudicial Electrónica de Galicia.
Presentarase ante o Servizo Común de Rexistro e Repartición da circunscrición do partido xudicial ao que corresponde o lugar de prestación dos servizos ou o do domicilio da parte demandada, a elección da parte demandante.
Se os servizos se prestasen en lugares de distintas circunscricións territoriais, a persoa traballadora poderá elixir entre aquel deles no que teña o seu domicilio, o do contrato, se achándose nel a parte demandada puidese ser citado, ou o do domicilio do demandado.
No caso de que sexan varias as partes demandadas, e se optar polo foro do domicilio, quen interpoña a demanda poderá elixir o de calquera das partes demandadas.
Nas demandas contra as Administracións públicas empregadoras será tribunal competente o do lugar de prestación dos servizos ou o do domicilio da parte demandante, a elección desta última, salvo para as persoas traballadoras que presten servizos no estranxeiro, en que será tribunal competente o do domicilio da Administración pública demandada.
Pode atopar a localización e os datos das Oficinas de Rexistro e Repartición e os servizos comúns no Directorio Xudicial.
Normativa
Lei 36/2011, do 10 de outubro, reguladora da xurisdición social (artigos 80 a 100).
Lei 1/2000, do 7 de xaneiro, de Axuizamento civil (de aplicación supletoria).
Formas de presentación
Tramitar en liña (Necesario certificado dixital ou DNI electrónico)
- Iniciar presentación electrónica de escrito iniciador
- Iniciar presentación electrónica de escrito de trámite