Sede Xudicial Electrónica

Sede Xudicial Electrónica

Medidas de apoio por parte da Fiscalía ás persoas con discapacidade

Procedemento mediante o cal se solicita á Fiscalía o establecemento de medidas de apoio ás persoas con discapacidade ou persoas maiores para que poidan exercer os seus dereitos en procedementos legais.

    Que é

    A través deste formulario pode solicitar ao Ministerio Fiscal o establecemento de medidas de apoio que sexan necesarias para que a persoa que precisa axuda poida exercer os seus dereitos, superando os obstáculos que a discapacidade lle poida supor. Pode tratarse de persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento, de persoas maiores con deterioro cognitivo, como o alzheimer, ou de quen presentan problemas de saúde mental.

    A lei prevé, ademais das medidas de apoio ás persoas con discapacidade, as seguintes medidas de apoio:

    • Garda de feito
    • Curatela
    • Defensor/a xudicial

    Os apoios determinaranse atendendo á vontade da persoa con discapacidade. Pode ter expresado a súa vontade nun documento notarial -poder preventivo-, establecendo como quere que se lle preste axuda no caso de que se atope en situación de discapacidade. Só no caso de que tales apoios non sexan suficientes deberá establecerse a axuda por unha medida xudicial de apoio. Este procedemento pode iniciarse no Ministerio Fiscal, de oficio ou a instancia dunha persoa particular. Tamén se pode instar ante a autoridade xudicial pola propia persoa con discapacidade, o seu cónxuxe ou parella de feito, descendentes ou ascendentes e irmáns/ás.

    A persoa con discapacidade poderá actuar coa súa propia defensa e representación. Se non fose previsible que proceda a realizar por si mesma tal designación, coa solicitude pedirase que se lle nomee un/ha defensor/a xudicial, quen actuará por medio de avogado/a e procurador/a, poderase solicitar asistencia xurídica gratuíta en función da situación económica da persoa con discapacidade (unidade familiar).

    Documentación que se debe presentar

    No formulario de comparecencia exporase a xustificación da necesidade de establecer un apoio ou axuda, debendo incorporar toda a documentación de que se dispoña. No caso de que non se dispoña da documentación referida, deberán aportarse todos os elementos necesarios para a súa determinación e localización, de modo que poida ser solicitada por parte da Fiscalía.

    A documentación precisa para iniciar o procedemento, que se remitirá preferentemente por correo electrónico anexando en arquivos separados cada documento que se acompañe, é a seguinte:

    1. Comparecencia: Débese expor a situación da persoa con discapacidade, a NECESIDADE de establecer medidas de apoio e que medidas considera necesarias, expresando no seu caso aquelas que considere URXENTES (por exemplo, se ten dificultades para administrar os seus bens ou diñeiro, para facer un contrato ou pedir un préstamo, para seguir un tratamento, etc.).
    2. DNI, nome e apelidos da persoa con discapacidade.
    3. DNI, parentesco, nome e apelidos da persoa que insta o procedemento.
    4. Informe médico da persoa con discapacidade.
    5. Informe social (servizos sociais municipais, SERGAS, centro residencial, asociación, etc.).
    6. Certificado de nacemento da persoa con discapacidade.
    7. Listaxe de parentes, especificando o grao de parentesco, nome e apelidos, DNI, dirección, teléfono e correo electrónico (no caso de non dispoñer de algúns dos datos farase constar, sen deixar de incluír aos parentes ou persoas achegadas á persoa con discapacidade).
    8. Contas bancarias, titularidade, persoas autorizadas e extracto bancario do último ano.
    9. Testamento, no caso de que teña acceso, tanto da persoa con discapacidade como doutros familiares que sexan relevantes.
    10. Poderes notariais. Se consta que a persoa outorgou poderes ou mandatos preventivos ou escritura pública de apoios ante notario con identificación dos mesmos, no seu caso.
    11. Certificado de dependencia ou discapacidade.
    12. Pensións.
    13. Listaxe de bens.
    14. Outros.

    Cal é o seu custo

    Taxas:

    Este procedemento non contempla o pagamento de taxas xudiciais.

    Gastos:

    Os gastos ocasionados nos expedientes de xurisdición voluntaria serán a cargo da persoa solicitante, salvo que a lei dispoña outra cousa.

    Os gastos ocasionados por testemuñas e peritos serán a cargo de quen os propoña.

    Como solicitalo

    A presentación do escrito iniciador de comparecencia de persoas con discapacidade e persoas maiores, así como calquera comunicación coa Fiscalía, debe realizarse nas Fiscalías Provinciais correspondentes ao domicilio da persoa con discapacidade ou maior, que se atopan nas cidades capitais de provincia (A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra).

    Os datos de contacto das fiscalías da Comunidade Autónoma de Galicia son os seguintes:

    1. Fiscalía Superior de Galicia (A Coruña)

    • Dirección postal: Praza Galicia, s/n – 1º andar (15004 A Coruña)
    • Teléfono: 881 182 752
    • Correo electrónico: fiscalia.tsxg@xustiza.gal

    2. Fiscalía Provincial de A Coruña

    • Dirección postal: Edificio antigo "Fábrica de Tabacos". Rúa Cigarreras, 1 – 2º andar (15007 A Coruña)
    • Teléfono: 981 185 870
    • Correo electrónico: fiscalia.coruna@xustiza.gal

    3. Fiscalía de Área de Ferrol

    • Dirección postal: Palacio de Xustiza. Rúa da Coruña, 55-4ª (15401 Ferrol)
    • Teléfono: 981 337 360
    • Correo electrónico: fiscalia.ferrol@xustiza.gal

    4. Fiscalía de Área de Santiago de Compostela

    • Dirección postal: Rúa Viena, s/n Edificio Xulgados. Polígono Fontiñas (15707 Santiago de Compostela)
    • Teléfono: 981 540 384
    • Correo electrónico: fiscalia.santiago@xustiza.gal

    5. Fiscalía Provincial de Lugo

    6. Fiscalía Provincial de Ourense

    • Dirección postal: Rúa Velázquez, s/n, Edificio Novos Xulgados (32002 Ourense)
    • Teléfono: 988 688 143
    • Correo electrónico: fiscalia.ourense@xustiza.gal

    7. Fiscalía Provincial de Pontevedra

    8. Fiscalía de Área de Vigo

    • Dirección postal: Edificio Xulgados. Rúa Lalín, 4-5º andar  (36208 Vigo)
    • Teléfono: 986 817 432
    • Correo electrónico: fiscalia.vigo@xustiza.gal

    Normativa

    Non atopas o que buscas?

    Xunta de Galicia