Sede Xudicial Electrónica

Sede Xudicial Electrónica

Monitorio social

Procedemento dirixido á reclamación de débedas dinerarias derivadas dunha relación laboral.

    Que é

    Trátase dun procedemento áxil para a reclamación, por parte dunha persoa traballadora fronte á persoa empregadora, de débedas dinerarias derivadas da relación laboral entre ambos.

    Para que serve

    Este procedemento serve para efectuar a reclamación de débedas de carácter pecuniario derivadas dunha relación laboral da persoa traballadora fronte á persoa empregadora, sempre que se cumpran os seguintes requisitos:

    1. Cantidades vencidas, esixibles e de contía determinada:
      • Vencida: que, no momento da presentación da solicitude, se superara o prazo dispoñible para o seu pagamento.
      • Esixible: que a persoa debedora estea obrigada directamente ao seu pagamento, sen que este dependa dunha contraprestación, termo ou condición.
      • De contía determinada: que se coñeza con precisión a cantidade á que ascende ou que esta sexa determinable por simples operacións aritméticas a partir de datos fixos.
    2. Que a débeda derive da relación laboral entre a persoa traballadora e a persoa empregadora.
    3. Que a contía da reclamación non exceda de 15.000 €.

    Outros requisitos 

    1. Debe ser posible practicar os actos de notificación á persoa empregadora a través dos procedementos previstos no artigo 56 da Lei 36/2011, de 10 de outubro, reguladora da Xurisdición Social (LRXS): correo certificado con acuse de recibo, telégrafo, fax, correo electrónico ou calquera medio idóneo de comunicación ou transmisión de textos, ou, no seu defecto, mediante a entrega de copia da resolución ou de cédula á persoa destinataria ou a calquera das persoas ás que se refire o artigo 57 de dita lei. 
    2. Non se poderá continuar a tramitación do procedemento se non é posible localizar o paradoiro da persoa debedora, posto que a lei non permite a posibilidade de que o requirimento se realice por vía edictal. Neste caso, concederase á persoa traballadora un prazo de catro días para que presente a correspondente demanda. Neste caso realizarase o sinalamento dos actos de conciliación e xuízo. Se non a presenta procederase ao arquivo das actuacións. 

    Excepcións ao proceso monitorio 

    Non poderán reclamarse a través deste procedemento as seguintes cuestións: 

    • As reclamacións de carácter colectivo formuladas pola representación dos/as traballadores/as. 
    • As reclamacións contra as entidades xestoras ou colaboradoras da Seguridade Social. 
    • As reclamacións fronte a empresas declaradas en concurso de acredores.

    Documentación que se debe presentar

    Para que a petición inicial sexa admitida é necesario que se acompañe da seguinte documentación:

    • Copia do contrato, recibos de salarios, comunicación empresarial ou recoñecemento da débeda, certificado ou documento de cotización ou informe de vida laboral ou calquera outros documentos análogos dos que resulte un principio de proba da relación laboral e da contía da débeda. 
    • Documentación xustificativa de ter intentada a previa conciliación ou mediación, cando estas sexan exixibles.

    Non se trata dunha listaxe pechada, pódese presentar calquera outro tipo de documento que sirva para acreditar a débeda. No caso de non dispoñer de documentación adecuada para acudir a este procedemento, deberase recorrer ao procedemento que corresponda, no que xa poderanse aportar outro tipo de probas (como a declaración de testemuñas, por exemplo).

    Consonte o artigo 21 da Lei 36/2011, do 10 de outubro, reguladora da Xurisdición Social (LRXS), a intervención de avogado/a ou graduado/a social colexiado/a non é obrigatoria nesta fase do procedemento.

    Cal é o seu custo

    Taxas:

    Este procedemento está exento de taxa xudicial de conformidade co disposto no artigo 4 da Lei 10/2012, do 20 de novembro, pola que se regulan determinadas taxas no ámbito da Administración de Xustiza e do Instituto Nacional de Toxicoloxía e Ciencias Forenses.

    Como solicitalo

    A presentación da solicitude poderá realizarse por calquera medio, xa sexa de forma presencial ou a través da Sede Xudicial Electrónica de Galicia.

    Se presentará no Servizo Común de Rexistro e Repartición dos xulgados do social do lugar de prestación dos servizos ou do domicilio da persoa demandada, a elección da persoa demandante. 

    Se os servizos se prestasen en lugares de diferentes poboacións, a persoa traballadora poderá elixir presentar a súa petición no xulgado do social dalgún dos seguintes lugares:

    • No que teña o seu domicilio a persoa traballadora.
    • O correspondente ao domicilio que figure no contrato se a persoa demandada pode ser atopada e citada nel.
    • O correspondente ao domicilio da persoa demandada.

    De ser varias as persoas demandadas, a persoa demandante poderá elixir o domicilio de calquera das persoas demandadas.

    Podes atopar a localización e os datos das Oficinas de Rexistro e Repartición e os servizos comúns no Directorio Xudicial.

    Na solicitude deberá constar a seguinte información:

    • Identidade completa e precisa da empresa debedora, os datos de identificación fiscal (NIF o CIF), domicilio completo e demais datos de localización e, no seu caso, datos de contacto para a comunicación, por medios informáticos e telefónicos, tanto da persoa demandante como demandada. 

    Respecto ao domicilio, ambas partes teñen a obriga de mantelos actualizados en todo momento, así como a información relativa aos distintos medios de comunicación, como números de teléfono, enderezos de correo electrónico e similares. 

    • Detalle e desagregación dos conceptos concretos, contías e períodos reclamados. 

    En que consiste o proceso monitorio 

    Exame da petición e admisión

    Unha vez presentada a solicitude xunto coa documentación requirida, o/a Letrado/a da Administración de Xustiza (LAX) procederá ao seu exame e, no seu caso, admisión. 

    O/A LAX completará, se corresponde, os datos de identificación ou que afecten á situación empresarial, utilizando os medios dos que dispoña o órgano xudicial. 
    De apreciar algún defecto emendable concederá catro días para a súa emenda. 

    Si o defecto non fose emendable ou non se emendase no prazo de catro días, o/a LAX dará conta ao/á xuíz/a para que resolva sobre a admisión ou inadmisión desta petición inicial. 
     
    Requirimento de pagamento á persoa empregadora

    Admitida a trámite a petición inicial, requirirase de pagamento á persoa empregadora, para que, no prazo de dez días, abone ao/á traballador/a a débeda reclamada ou formule oposición, alegando as razóns polas que, ao seu entender, non debe, en todo ou en parte, a cantidade que se lle reclama. 

    Do requirimento darase traslado polo mesmo prazo de dez días ao Fondo de Garantía Salarial, prazo que se ampliará por outros dez días máis, para o caso de que manifestase que necesita efectuar investigacións sobre os feitos da solicitude, en especial, sobre a solvencia empresarial. 
     
    Finalización do proceso monitorio 

    Tras o requirimento de pagamento á persoa empregadora pode producirse algunha das seguintes situacións

    Que esta pague voluntariamente: 

    Pode entregar a cantidade reclamada directamente á persoa traballadora, o cal deberá acreditarse ante o órgano xudicial, ou ben ingresala na conta de consignacións do xulgado, en cuxo caso o/a LAJ expedirá o correspondente mandamento de devolución á persoa peticionaria. 

    En ambos os casos procederase ao arquivo das actuacións. 
     
    Que se presente escrito de oposición por parte da persoa empregadora ou do Fondo de Garantía Salarial

    Se se produce oposición, o órgano xudicial comunicarallo á persoa peticionaria para que, se o estima oportuno, presente, no prazo de 4 días, a demanda correspondente, en cuxo caso procederase ao sinalamento dos actos de conciliación e xuízo na forma ordinaria. 

    Se no presentase demanda arquivaranse as actuacións. 
     
    Que se presente escrito de oposición so en canto a unha parte da cantidade reclamada

    A persoa peticionaria poderá solicitar ao órgano xudicial que dite resolución acollendo a reclamación en canto a esas cantidades recoñecidas, resolución que servirá a esta persoa para solicitar, por un simple escrito, a execución respecto a esta cantidade. 

    Con respecto ás cantidades ás que se refira o escrito de oposición aplicarase o exposto no apartado anterior. 
     
    Que transcorra o prazo de contestación sen que a persoa empregadora pague a cantidade reclamada nin formule oposición

    Neste caso porase fin ao proceso monitorio mediante un decreto do/da LAX do que se dará traslado á persoa peticionaria para que solicite o despacho da execución mediante unha simple solicitude. 

    Nesa solicitude, o/a demandante poderá facer constar os bens do/da demandado/a dos que teña coñecemento a efectos de proceder ao seu embargo, debendo indicar se os considera suficientes para cubrir as cantidades reclamadas. 

    O auto que se dite despachando execución poderá servir para solicitar as prestacións que correspondan ao FOGASA ou organismo que corresponda, cando se dean as condicións para elo.

    Normativa

    Preguntas frecuentes

    Que é o proceso monitorio social?

    Trátase dun procedemento áxil para a reclamación, por parte dunha persoa traballadora fronte á persoa empregadora, de débedas monetarias derivadas da relación laboral entre ambos.

    Que se pode reclamar a través do proceso monitorio social?

    Pódense reclamar débedas monetarias vencidas, esixibles e de cantidade determinada que non excedan de 6.000 €, sempre que deriven dunha relación laboral.

    • Vencida: que, no momento da presentación da solicitude, se superara o prazo dispoñible para o seu pagamento.
    • Esixible: que a persoa debedora estea obrigada diretamente ao seu pagamento, sen que este dependa dunha contraprestación, termo ou condición.
    • De contía determinada: que se coñeza con precisión a cantidade á que ascende ou que esta sexa determinable por simples operacións aritméticas a partir de datos fixos.

    Cales son os requisitos para poder reclamar a través deste procedemento?

    • Que a cantidade reclamada sexa vencida, esixible e de cantidade determinada.
    • Que a débeda derive da relación laboral entre a persoa traballadora e a persoa empregadora.

    Exceptúanse deste procedemento as seguintes reclamacións laborais:

    • Reclamacións de carácter colectivo formuladas pola representación das persoas empregadas.
    • Reclamacións contra as entidades xestoras ou colaboradoras da Seguridade Social.
    • Que a contía da reclamación non exceda de 6.000 €.

    Debe ser posible practicar os actos de notificación á persoa empregadora a través dos procedementos previstos no artigo 56 da Lei 36/2011, do 10 de outubro, reguladora da Xurisdición Social (LRJS) (correo certificado con xustificante de recepción, telégrafo, fax, correo electrónico ou calquera medio idóneo de comunicación ou transmisión de textos) ou, no seu defecto, mediante a entrega de copia da resolución ou de cédula á persoa destinataria ou a calquera das persoas ás que se refire o artigo 57 do mesmo texto legal.

    Ante quen se debe presentar a solicitude inicial?

    Poderase presentar a solicitude ante as Oficinas de Rexistro e Reparto dos xulgados de lo social do lugar de prestación de servizos ou do domicilio da persoa demandada, á elección da persoa demandante.

    Se os servizos se prestaren en lugares de diferentes poboacións, a persoa traballadora poderá elixir entre presentar a súa petición no xulgado de lo social de algún dos seguintes lugares:

    • No que teña o seu domicilio a persoa traballadora.
    • O correspondente ao domicilio que figure no contrato se a persoa demandada pode ser atopada e citada nel.
    • O correspondente ao domicilio da persoa demandada.

    De ser varias as persoas demandadas, a persoa demandante poderá elixir o domicilio de calquera das persoas demandadas.

    Que contido debe ter esa solicitude inicial?

    A solicitude inicial deberá conter a seguinte información:

    • A identidade completa e precisa da persoa empregadora debedora, datos de identificación fiscal, domicilio completo e demais datos de localización.
    • Datos de comunicación, por medios informáticos e telefónicos, tanto da persoa demandante como da persoa demandada.
    • O detalle e desagregación dos concretos conceptos, cantidades e períodos reclamados.
    • Deberá acompañarse copia do contrato, recibos de salarios, comunicación empresarial ou recoñecemento de débeda, certificado ou documento de cotización ou informe de vida laboral ou outros documentos análogos dos que resulte un principio de proba da relación laboral e da contía da débeda.

    Tamén debe anexarse a documentación xustificativa de ter intentado a previa conciliación ou mediación cando estas sexan esixibles.

    É necesario avogado/a e procurador/a para presentar a solicitude?

    Non, a defensa por avogado/a e a representación técnica por graduado/a social colexiado non é obligatoria.

    ¿Teño que aboar una taxa para iniciar o proceso monitorio social?

    As persoas físicas están exentas do pagamento de taxas xudiciais (art. 4 da Lei 10/2012 modificado polo Real Decreto-Lei 1/2015 do 27 de febreiro).

    En que consiste o proceso monitorio social?

    Unha vez presentada a solicitude inicial cos documentos requiridos, o/a Letrado/a da Administración de Xustiza (LAX) comprobará que reúne os requisitos necesarios. En caso afirmativo, admitirá a petición e requirirá á persoa empregadora para que, no prazo de 10 días, pague á persoa traballadora acreditándoo/a ante o xulgado, ou formule oposición indicando as razóns polas que, ao seu entender, non debe, en todo ou en parte, a cantidade reclamada.

    Do requerimento daráselle traslado por igual prazo ao Fondo de Garantía Salarial, prazo que se ampliará respecto do mesmo por outros dez días máis, se manifestase que necesita efectuar averiguacións sobre os feitos da solicitude, en especial sobre a solvencia empresarial.

    Xunta de Galicia