Monitorio civil
Que é
O procedemento monitorio é un instrumento rápido, sinxelo e eficaz para a xestión da cobranza deste tipo de débedas.
Trátase dun procedemento especial introducido pola Lei 1/2000, do 7 de xaneiro, de Axuizamento Civil e que se regula nos seus artigos 812 e seguintes, cuxa finalidade é a reclamación de débedas pecuniarias de calquera importe e sen límite de contía, non podendo estenderse a outro tipo de deberes.
Só no caso de que a persoa debedora se opoña á reclamación poderá ser necesario celebrar vista.
Para que serve
Este procedemento serve para reclamar, sen necesidade de avogado/a e de procurador/a, débedas monetarias líquidas, determinadas, vencidas e esixibles de calquera contía, cando se dispoña dos documentos acreditativos que esixe este tipo de procedemento. Para que a débeda dineraria poida ser reclamada, debe reunir os seguintes requisitos:
- Líquida: que se poida expresar numericamente ou como resultado dunha sinxela operación aritmética.
- Determinada: que se coñeza o importe con exactitude.
- Vencida: que, no momento da presentación da solicitude, se superara o prazo dispoñible para o seu pagamento.
- Esixible: que a persoa debedora estea obrigada ao seu pagamento.
Quedan excluídos deste tipo de procedemento aqueles supostos nos que desde o inicio sexa necesaria unha declaración ou consistan en asuntos de familia.
Documentación que se debe presentar
Para que a demanda sexa admitida, é necesario que a débeda se acredite dalgún dos seguintes xeitos:
- Mediante documentos, calquera que sexa a súa forma e clase ou o soporte físico no que se atopen, que aparezan asinados pola persoa debedora ou co seu selo, sinal ou marca, ou con calquera outro sinal, físico ou electrónico.
- Mediante facturas, albarás de entrega, certificacións, telegramas, telefax ou calquera outro documento que, aínda sendo unilateralmente creados pola persoa acredora, sexan dos que habitualmente documentan os créditos e as débedas nas relacións da clase que apareza existente entre persoa acredora e persoa debedora.
- Formulario de presentación, que deberá ir asinado pola persoa demandante, achegando o correspondente poder notarial, no caso de que actúe no nome dunha sociedade.
- Cando se trate da reclamación de cotas comunitarias será necesario achegar a certificación do acordo da xunta aprobando a liquidación da débeda coa comunidade de propietarios por quen actúe como letrado/a da mesma, co visto e prace da persoa que exerza a presidencia, sempre que tal acordo fose notificado ás persoas propietarias afectadas na forma establecida no artigo 9 da Lei 49/1960, do 21 de xullo, sobre propiedade horizontal.
No caso de tratarse dunha tramitación presencial é obrigatorio entregar unha copia, tanto do formulario como de toda a documentación que o acompaña, para a súa entrega á persoa demandada.
Cal é o seu custo
Taxas:
As persoas físicas están exentas do pagamento de taxas xudiciais.
No caso de persoas xurídicas, a taxa componse dunha cota fixa (100€) máis unha cota variable que pode calcularse na calculadora de taxas xudiciais.
Como solicitalo
A presentación da solicitude poderá realizarse por calquera medio, xa sexa en forma presencial ou a través da Sede Xudicial Electrónica de Galicia.
Presentarase ante o Servizo Común de Rexistro e Repartición do partido xudicial ao que corresponde o domicilio ou residencia da persoa demandada, ou directamente no xulgado, para o suposto de que este fose único no partido xudicial.
No caso de que este domicilio non se coñecese, pódese presentar no partido xudicial no que a persoa debedora puidese ser atopada ou, no caso de tratarse de gastos de comunidades de propietarios, no que corresponde o lugar onde se atope o predio. Pode atopar a localización e os datos das Oficinas de Rexistro e Repartición e os servizos comúns no Directorio Xudicial.
Normativa
Formas de presentación
Tramitar en liña (Necesario certificado dixital ou DNI electrónico)
- Iniciar presentación electrónica de escrito iniciador para comunidades de propietarios
- Iniciar presentación electrónica de escrito de trámite
- Iniciar presentación electrónica de escrito iniciador