Sede Xudicial Electrónica

Sede Xudicial Electrónica

Xuízo verbal

Procedemento dirixido á reclamación de débedas as cales o seu importe non exceda 15.000 €.

    Que é

    É un procedemento declarativo que permite, entre outras, a reclamación de cantidades de diñeiro ata 15.000 euros. Estas reclamacións, cando a contía reclamada sexa inferior a 2.000 euros, se poderán formular sen necesidade de avogado/a nin procurador/a e, polo tanto, a través da Sede Xudicial Electrónica.

    Está regulado nos artigos 437 a 447 da Lei de Axuizamento Civil.

    Para que serve

    O xuízo verbal é un procedemento pensado para resolver as controversias de escasa contía, concretamente as inferiores a 15.000 euros. A través deste procedemento pódese reclamar unha obriga que consista nun pagamento pecuniario ou nun determinado facer ou non facer, sempre que o seu valor non exceda da cantidade indicada. Exceptúanse os xuízos verbais cuxa determinación se fixera por razón da materia (por exemplo, os desafiuzamentos) nos que si será preceptiva a intervención de avogado/a e procurador/a.

    Este procedemento configúrase como unha alternativa ao procedemento monitorio cando a débeda reclamada non sexa líquida, determinada, vencida e esixible (por exemplo, cando haxa dúbidas sobre os termos no cumprimento dun contrato). A diferenza do monitorio, neste caso sempre vai intervir o Xuíz/a e o procedemento concluirá cunha sentenza que resolverá a controversia exposta.

    Documentación que se debe presentar

    Nos xuízos verbais nos que non se actúe con avogado/a nin procurador/a, a persoa demandante poderá formular unha demanda sucinta, na que presentará un escrito de demanda que incluirá a seguinte información:

    • Os datos e circunstancias de identificación da persoa que presenta a demanda e o domicilio ou os domicilios nos que pode ser citada. É importante achegar tamén o número de teléfono e/ou un enderezo de correo electrónico para axilizar as comunicacións.
    • Os datos e circunstancias de identificación da/s persoa/s ou entidade/s contra a/s que se dirixe a reclamación, así como o/os domicilio/s nos que poida/n ser citadas, podendo designar como tal/es:
      • O que apareza no padrón municipal.
      • O que apareza en Rexistro oficial ou en publicacións de colexios profesionais, se tratase dunha entidade ou empresa ou un profesional colexiado.
      • Onde desenvolva a súa actividade profesional ou traballo ocasional.
      • Onde poida ser localizada.
      • O domicilio da persoa administradora, xerente ou apoderada (se se demanda a unha empresa mercantil) ou a persoa que ocupe o cargo de presidente/a, integrante ou xestor/a da xunta de calquera asociación que aparecese nun Rexistro oficial.
      • Como no apartado anterior, será moi útil que achegue tamén os teléfonos e/o direccións de correo electrónico.
    • Exposición da petición realizada de maneira clara e precisa.
    • De forma breve, os feitos fundamentais ou motivos nos que se basea a súa reclamación.
    • A cantidade que reclama e, no seu caso, os xuros e as custas.
    • Todos os documentos nos que funde o seu dereito á tutela xudicial que pretende. Estes poden ser: facturas, recibos, ditames, informes, medios de reprodución de son e imaxe ou outros electrónicos.
    • Impreso ou formulario normalizado posto ao dispor da cidadanía a través da Sede Xudicial Electrónica, nos decanatos, servizos comúns, órganos xurisdicionais e nas Oficinas de Atención á Cidadanía.

    Deste xeito unicamente poderán achegarse novos documentos no acto da vista, de maneira excepcional, nos supostos previstos no art. 270 da LAC.

    Para máis información descargue a Guía sobre o Xuízo Verbal (Consello Xeral do Poder Xudicial).

    Cal é o seu custo

    Taxas:

    As persoas físicas están exentas do pagamento de taxas xudiciais.

    No caso das persoas xurídicas, a presentación da demanda por unha contía inferior a 2.000 euros está exenta do pagamento da taxa. Nos demais casos, a taxa componse dunha cota fixa (150 euros) máis unha cota variable que se pode calcular na calculadora de taxas xudiciais.

    Como solicitalo

    A presentación da solicitude poderá realizarse por calquera medio, incluíndo os previstos na normativa de acceso electrónico da cidadanía á Administración de Xustiza. Cando a contía reclamada sexa inferior a 2.000 euros, poderase formular sen necesidade de avogado/a nin procurador/a e, por tanto, a través desta Sede Xudicial Electrónica.

    Nos demais casos, a presentación da solicitude levarase a cabo no Servizo Común de Rexistro e Repartición do Tribunal de Instancia correspondente ao domicilio da persoa demandada ou a través da Sede Xudicial Electrónica no caso de esta funcionalidade estivese operativa.

    Pode atopar a localización e os datos das Oficinas de Rexistro e Repartición e dos servizos comúns no Directorio Xudicial.

    Normativa

    Preguntas frecuentes

    Que é o xuízo verbal?

    A Lei de Axuizamento Civil (LEC) prevé a posibilidade de reclamar, a través do xuízo verbal, cantidades que non excedan de 2.000 €, sen necesidade de estar asistido de avogado/a e procurador/a. Este procedemento está regulado nos artigos 437 a 447 da Lei de Axuizamento Civil do 7 de xaneiro do 2000.

    Necesítanse avogado/a ou procurador/a?

    As reclamacións de cantidade que, por razón da contía, deban tramitarse a través deste xuízo verbal, non precisan da intervención obrigatoria de avogado/a e procurador/a cando dita contía non exceda de 2.000 €.

    De conformidade co criterio seguido maioritariamente polas Audiencias Provinciais, hase de entender preceptiva a intervención de avogado/a e procurador/a para o suposto contemplado no artigo 250.1-8º da Lei de Axuizamento Civil, relativo ás reclamacións por alimentos debidos, e para o regulado no artigo 250.1-1º da devandita norma, que prevé a tramitación a través do xuízo verbal, calquera que sexa a contía, das reclamacións de cantidades por falta de pagamento de rendas e cantidades debidas e as que, igualmente, con fundamento na falta de pagamento da renda ou cantidades debidas pola persoa arrendataria, ou na expiración do prazo fixado contractual ou legalmente, pretendan que o dono/a, usufrutuario/a ou calquera outra persoa con dereito a posuír un predio rústico ou urbano, dado en arrendamento, ordinario ou financeiro, ou en parcería, recuperen a posesión deste predio.

    Como se pode reclamar?

    Para iniciar un xuízo verbal en reclamación de cantidade que non exceda de 2.000 € hase de presentar un escrito de demanda, podendo utilizar para o efecto os impresos normalizados. Na demanda ten que constar:

    • Os seus datos persoais e de identificación, así como o/os domicilio/s a efectos de notificación. É moi importante que achegue tamén o número de teléfono e/ou un enderezo de correo electrónico, xa que estes datos permiten que as comunicacións sexan máis áxiles.
    • Os datos persoais e demais circunstancias da/s persoa/s ou entidade/es contra a/s que se dirixe a reclamación, así como o/os domicilio/s no/s que poida/n ser citadas, podendo designar como tal/es:
      • O que apareza no padrón municipal.
      • O que apareza en Rexistro oficial ou en publicacións de colexios profesionais, se se tratase dunha entidade ou empresa ou un profesional colexiado.
      • Onde desenvolva a súa actividade profesional ou traballo non ocasional.
      • Onde poida ser localizada.
      • O domicilio da persoa administradora, xerente ou apoderada (se se demanda a unha empresa mercantil) ou a persoa que ocupe o cargo de presidente, integrante ou xestor/a da xunta de calquera asociación que aparecese nun Rexistro oficial.
      • Como no apartado anterior, será moi útil que achegue tamén os teléfonos e/ou enderezo de correo electrónico.
    • De forma breve, os feitos ou motivos nos que se basea a súa reclamación.
    • A cantidade que reclama e, no seu caso, os xuros e as custas.

    Que documentos débense acompañar xunto coa demanda?

    En aplicación do disposto no art. 265.1.1 da LAC, xunto coa demanda deberán acompañarse todos os documentos nos que funde o seu dereito á tutela xudicial que pretende. Estes poden ser: facturas, recibos, ditames, informes, medios de reprodución de son e imaxe ou outros electrónicos.

    Deste xeito unicamente poderán achegarse novos documentos no acto da vista, de maneira excepcional, nos supostos previstos no art. 270 LAC. Se se trata de documentos públicos, poderán presentarse por copia simple. Se a parte contraria impugna a súa autenticidade, poderá levarse aos autos orixinal, copia ou certificación cos requisitos necesarios para que produza os seus efectos probatorios.

    No caso de que sexan documentos privados, deberá presentalos por orixinal ou mediante copia autenticada por funcionario/a competente. Se só dispón de copia simple, poderá presentar esta, que terá os mesmos efectos que o orixinal, sempre que a súa validez non se cuestione por calquera das outras partes. Coa demanda haberá de presentar tantas copias da mesma e dos documentos como persoas ou entidades contra as que se dirixiu a reclamación.

    Débese abonar a taxa para o exercicio da potestade xurisdicional?

    Se a cantidade reclamada é inferior a 2.000 €, está exento do pagamento da taxa polo exercicio da potestade xurisdicional na orde civil e, consecuentemente, non estará obrigado/a a presentar o exemplar para a Administración de Xustiza do modelo 696, salvo que os documentos que fundamenten o seu escrito de demanda teñan o carácter de títulos executivos extraxudiciais conforme ao establecido no artigo 517 da Lei de Axuizamento Civil.

    Neste último caso, deberase acompañar o devandito exemplar do modelo 696 co ingreso debidamente validado e, no seu caso, o xustificante de pagamento do mesmo, o cal pode encher e, no seu caso, presentar e imprimir a través do portal da Axencia Estatal da Administración Tributaria na internet (www. agenciatributaria.es) ou ben directamente na dirección electrónica https://www.agenciatributaria.gob.es.

    Se non o acompaña, o/a Letrado/a da Administración de Xustiza (LAX) requiriralle para que dentro dun prazo o achegue, non dando curso ao escrito de demanda ata que tal omisión se emende. Se non achegase o xustificante no prazo concedido, poderase dar lugar á preclusión do acto procesual e á consecuente continuación ou finalización do procedemento, segundo proceda.

    Onde e ante que órgano débese presentar a demanda?

    Como regra xeral, o escrito ou impreso de demanda deberá presentalo no xulgado de primeira instancia do domicilio da persoa demandada. Cando se dirixa contra sociedades, as persoas empregadoras ou profesionais con relación á súa actividade empresarial ou profesional poderán tamén presentarse xulgado de primeira instancia do lugar onde desenvolvan a súa actividade. Con todo, nalgún caso (por exemplo, se a reclamación deriva da normativa, nacional ou internacional, sobre o transporte) a competencia pode corresponder ao xulgado do mercantil.

    Teranse en conta as seguintes excepcións:

    • Se a cantidade reclamada non excede de 90 € e o municipio do domicilio da persoa demandada carece de xulgado de primeira instancia, o escrito ou impreso de demanda, deberá presentalo na oficina de xustiza municipal, que será a competente.
    • Nas demandas de reclamación de rendas impagadas en arrendamentos de inmobles, o escrito ou impreso de demanda deberá presentalo no xulgado de primeira instancia do lugar en que estea sito o predio.
    • Nas reclamacións derivadas de accidentes de tráfico, o escrito ou impreso de demanda debe presentalo no xulgado de primeira instancia correspondente ao lugar do sinistro.

    Cales son os trámites antes do xuízo ou vista?

    Os trámites antes do xuízo ou vista son os seguintes:

    • Presentada a demanda, e unha vez admitida, o xulgado entregará unha copia á persoa demandada e citaráselles a un xuízo ou vista que se celebrará ante o/a xuíz/a.
    • A este acto deberá acudir con todas as probas que considere oportunas e que non presentase co escrito de demanda.
    • Se a persoa que realiza a demanda necesita que o xulgado cite a algunha persoa como testemuña, que non poida presentar, deberá solicitalo nos tres días seguintes á recepción da súa citación, indicando o seu nome completo e enderezo para que aquel se encargue de citarlle.
    • A persoa demandada achegará no acto da vista do xuízo os documentos, medios, instrumentos, ditames e informes relativos ao fondo do asunto que pretenda facer valer.
    • A parte demandante unicamente poderá achegar novos documentos non achegados xunto coa demanda inicial nos supostos excepcionais previstos no art. 270 da Lei de Axuizamento Civil.

    Como é o xuízo ou vista?

    Ambas as partes deberán comparecer no día e hora sinalados para a celebración do xuízo ou vista.

    A non comparecencia terá os seguintes efectos:

    • Se a persoa demandante non asiste ao xuízo, teráselle por desistido/a, impoñeráselle o importe das custas e condenaráselle a indemnizar á persoa demandada que comparecese se este o solicita e acredita os danos e prexuízos sufridos.
    • Se non asiste a persoa demandada, declararáselle en rebeldía e continuará o xuízo sen a súa asistencia.

    No xuízo, a persoa demandante deberá expoñer as razóns ou argumentos nos que basea a súa reclamación e a persoa demandada, as súas alegacións.

    Tamén deberán propoñer as probas que consideren oportunas, incluíndo o interrogatorio da outra parte, e practicaranse nese acto as que o/a xuíz/a admita.

    Celebrado o xuízo, o/a xuíz/a ten un prazo de 10 días para ditar sentenza.

    Cabe recurso contra a sentenza que se dite?

    Non caberá recurso de apelación contra as sentenzas ditadas nun xuízo verbal por razón da contía cando esta non supere os 3.000 €, sendo, por tanto, firme a sentenza.

    Como se solicita a execución da sentenza condenatoria?

    Firme a sentenza, e transcorridos vinte días desde a notificación da mesma á persoa condenada ao pagamento, pode pedir a súa execución se esta non pagou voluntariamente as cantidades establecidas naquela.

    A DEMANDA DE EXECUCIÓN

    A execución dunha sentenza poderá ser solicitada por aquela persoa a quen lle resulte favorable, presentando ante o xulgado un escrito de demanda. Na demanda de execución deberá indicar:

    1. Os seus datos persoais.
    2. O xulgado que tramitou o xuízo verbal e o número de procedemento que se asignou a este.
    3. A solicitude de que se despache a execución, identificando a sentenza cuxa execución pretende.
    4. A cantidade que se reclama, incluíndo, no seu caso, os xuros que se puideron devengar ata a data de presentación da demanda, máis outra cantidade que se prevexa para os xuros e custas da execución. Esta cantidade é provisional e non pode superar o 30% da suma principal, salvo que se xustifique debidamente.
    5. Os bens que coñeza da persoa debedora susceptibles de ser embargados e se considera que son suficientes para cubrir as cantidades reclamadas. De non coñecer bens que se poidan embargar ou considerar que estes son insuficientes, pode solicitar ao xulgado que os pescude, debendo indicar as entidades financeiras, organismos públicos e persoas físicas ou xurídicas que poidan facilitar a relación deses bens, expresando brevemente as razóns polas que estima que dispoñen de información sobre o patrimonio da referida persoa.

    TRAMITACIÓN DO PROCESO DE EXECUCIÓN

    O xulgado examinará a demanda presentada e, de cumprirse os requisitos legalmente establecidos, ditará unha resolución despachando a execución solicitada, na que acordará o embargo dos bens da persoa a persoa debedora (executado/a) para cubrir as cantidades reclamadas e/ou, no seu caso, a investigación dos seus bens.

    Se é necesario, requirirase á persoa debedora/a para que designe bens. Contra a resolución que dite o xulgado acordando a execución, o executado/a poderá opoñerse alegando a caducidade (se transcorreron máis de cinco anos desde a firmeza da sentenza, sen que se interpuxese a correspondente demanda de execución), o pagamento ou cumprimento do ordenado na sentenza ou os pactos ou tratos aos que chegasen as partes para evitar a execución, sempre que o acordado conste en documento público.

    Xunta de Galicia