Necesito un/a avogado/a e non podo pagalo
Que é a asistencia xurídica gratuíta
A asistencia xurídica gratuíta é un dereito fundamental recoñecido pola Constitución Española de 1978, no seu artigo 24, que consagra o dereito a obter a tutela xudicial efectiva dos xuíces/as e tribunais no exercicio dos seus dereitos lexítimos, sen que se produza indefensión.
Así mesmo, o artigo 119 establece que a xustiza será gratuíta para quen acredite insuficiencia de recursos para litigar. Todo/a cidadán/cidadá que cumpra os requisitos poderá solicitar, nos termos establecidos pola normativa vixente, asistencia xurídica gratuíta nos procedementos xudiciais nos que estea interesado.
A xustiza gratuíta en España adminístrase de forma diferente en función da lexislación aplicable en cada comunidade autónoma. En Galicia, corresponde á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a coordinación das sete comisións de asistencia xurídica gratuíta, que son os órganos responsables de administrar o dereito aos cidadáns.
A quen vai dirixido
Segundo a, teñen dereito á prestación da asistencia xurídica gratuíta:
-
Os/as cidadáns/cidadás españois, os/as nacionais dos demais estados membros da Unión Europea e os/as estranxeiros/as que se atopen en España, cando acrediten insuficiencia de recursos para litigar.
-
As entidades xestoras e servizos comúns da Seguridade Social.
-
As seguintes persoas xurídicas cando acrediten insuficiencia de recursos para litigar:
-
Asociacións de utilidade pública, previstas no Artigo 32 da Lei Orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación.
-
Fundacións rexistradas no rexistro administrativo correspondente.
-
-
Na orde Social, os traballadores e beneficiarios do sistema de Seguridade Social, tanto para a defensa en xuízo como para o exercicio de accións para a efectividade dos dereitos laborais nos procedementos concursais. Así mesmo, o dereito á asistencia xurídica gratuíta recoñécese aos traballadores e beneficiarios da Seguridade Social para os litixios que sobre esta materia se substancien ante a orde Contencioso-Administrativa.
-
Na orde Contenciosa-Administrativo, así como na vía administrativa previa, os cidadáns estranxeiros que acrediten insuficiencia de recursos para litigar terán dereito á asistencia letrada e á defensa e representación gratuíta nos procedementos que poidan levar á denegación da súa entrada en España, á súa devolución ou expulsión do territorio español e en todos os procedementos en materia de asilo.
-
Nos litixios transfronteirizos en materia civil e mercantil, as persoas físicas contempladas no Capítulo VIII da Lei 1/1996, do 10 de xaneiro, de asistencia xurídica gratuíta, nos termos que nel se establecen.
Requisitos para solicitalo
Teñen dereito á prestación da asistencia xurídica gratuíta todas aquelas persoas físicas que carecendo de patrimonio suficiente, conten cuns recursos e ingresos económicos brutos, computados anualmente por todos os conceptos e por unidade familiar, que non superen os seguintes límites (art. 3 da lei):
-
Dúas veces o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) vixente no momento de facer a solicitude, cando se trate de persoas non integradas nunha unidade familiar.
-
Dúas veces e media o IPREM vixente no momento de facer a solicitude, cando se trate de persoas integradas nalgunha das modalidades de unidade familiar con menos de catro membros.
-
O triplo do devandito indicador, cando se trate de unidades familiares integradas por catro ou máis membros.
No caso das persoas xurídicas referidas no apartado c) do artigo 2 da lei, considérase que existe insuficiencia de recursos cando carecendo de patrimonio suficiente, o resultado contable da entidade en cómputo anual fose inferior á cantidade equivalente ao triplo do IPREM.
Alén dos ingresos ou rendas e doutros bens patrimoniais ou circunstancias que declare o/a solicitante, teranse tamén en cóntase os signos externos que manifesten a súa real capacidade económica, co que se denegará o dereito á asistencia xurídica gratuíta se os estes signos, desmentindo a declaración do solicitante, revelan con evidencia que este dispón de medios económicos que superan o límite fixado pola lei. Para valorar a existencia de patrimonio suficiente terase en conta a titularidade de bens inmobles, sempre que non constitúan a vivenda habitual do solicitante, así como os rendementos do capital mobiliario (art. 4 da Lei 1/1996, do 10 de xaneiro, de asistencia xurídica gratuíta).
Excepcionalmente, e en atención ás circunstancias de familia do solicitante, ao número de fillos ou familiares ao seu cargo, ás taxas xudiciais e a outros custos derivados da iniciación do proceso, ou a outras de análoga natureza, todas elas obxectivamente avaliadas, e en todo caso cando o solicitante teña a condición de ascendente dunha familia numerosa de categoría especial, a Comisión de Asistencia Xurídica Gratuíta, ou se fose o caso a súa delegación, poderalles conceder o devandito dereito, mediante resolución motivada, a aquelas persoas cuxos recursos ou ingresos, aínda superando os límites previstos no artigo 3, non excedan do quíntuplo do IPREM, tendo en conta ademais a carencia de patrimonio suficiente.
Nas mesmas condicións anteriores poderá recoñecerse o dereito á asistencia xurídica gratuíta atendendo ás circunstancias de saúde do solicitante e ás persoas con discapacidade, así como ás persoas que os teñan ao seu cargo cando actúen nun proceso no seu nome e interese, sempre que se trate de procedementos que teñan relación coas circunstancias de saúde ou discapacidade que motivan este recoñecemento excepcional.
Nestes casos hai que ter en conta que a resolución que adopte a comisión ou a súa delegación determinará expresamente que prestacións das recollidas no artigo 6 da lei sonlle de aplicación ao solicitante (artigo 5 da lei).
O indicador público de renda para efectos múltiples (IPREM) foi establecido polo Real decreto lei 3/2004, do 25 de xuño, e substitúe nesta función o salario mínimo interprofesional. Segundo a disposición adicional 80ª da Lei 31/2022, do 23 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2023, que actualmente se atopa en vigor, estableceuse que se terá como IPREM unha contía anual de 7.200 euros para os efectos da Lei de asistencia xurídica gratuíta.