Quero reclamar unha débeda
Que é
A quen vai dirixido
A toda persoa física ou xurídica que se atope ante esta necesidade.
Requisitos para solicitala
A débeda deberá reunir os seguintes requisitos:
- Ser líquida: Que a cantidade reclamada poida expresarse de forma numérica, xa sexa directamente ou mediante unha sinxela operación aritmética.
- Ser determinada: Que se coñeza con precisión o importe da débeda.
- Estar vencida: Que sexa reclamable no momento da petición inicial do procedemento monitorio.
- Ser esixible: Que a persoa debedora estea obrigada ao pagamento da débeda.
É dicir, o seu obxecto limítase a reclamacións de carácter económico, non podendo estenderse a outro tipo de obrigas. Tampouco serve para aqueles supostos nos que desde o inicio sexa necesaria unha declaración ou consistan en asuntos de familia.
Onde acudir
A presentación da solicitude levarase a cabo no Servizo Común de Rexistro e Reparto (Decanato) ou directamente no xulgado, para o suposto de que este fose único no partido xudicial, do partido xudicial ao que corresponda o domicilio ou residencia da persoa demandada.
No caso de que este domicilio non se coñecese, pode presentarse no partido xudicial no que a persoa debedora puidese ser atopada ou, no caso de tratarse de gastos de comunidades de propietarios, no que corresponde ao concello no que se atopa a propiedade.
Pode atopar a localización e os datos dos Decanatos e servizos comúns no Directorio Xudicial.
Como solicitalo
Para que a demanda sexa admitida, é necesario que a débeda se acredite de algunha das seguintes formas:
- Mediante documentos, calquera que sexa a súa forma e clase ou o soporte físico no que se atopen, que aparezan asinados pola persoa debedora ou co seu selo, sinal ou marca ou con calquera outro sinal, físico ou electrónico.
- Mediante facturas, albarás de entrega, certificacións, telegramas, telefax ou calquera outro documento que, aínda que sexan unilateralmente creados pola persoa acreedora, sexan dos que habitualmente documentan os créditos e débedas en relacións da clase que apareza existente entre persoa acreedora e persoa debedora.
O formulario de presentación deberá ir asinado pola persoa demandante, achegando o correspondente poder notarial, no caso de que actúe en nome dunha sociedade.
Comunidades de propietarios, reclamación de cotas comunitarias:
- Será necesario presentar a certificación do acordo da xunta aprobando a liquidación da débeda coa comunidade de propietarios por quen actúe como secretario/a da mesma, co visto e prace da persoa que exerza a presidencia, sempre que tal acordo fose notificado aos propietarios afectados na forma establecida do artigo 9 da Lei 49/1960, do 21 de xullo, sobre propiedade horizontal.
No caso de que se trate dunha tramitación presencial é obrigatorio entregar unha copia, tanto do formulario como de toda a documentación que o acompaña, para a súa entrega á persoa demandada.