Consignación xudicial
Que é
Trátase dun procedemento polo cal a persoa debedora pon ao dispor do órgano xudicial a cousa debida á persoa acredora cando non é posible a súa entrega ou esta négase a recibila.
Para que serve
A consignación é útil para cumprir coa obriga de entrega e evitar posibles consecuencias legais por incumprimento, xa que a persoa debedora pode poñer ao dispor da persoa acredora a cousa debida cando esta última se nega a recibila.
Para os casos nos que a consignación se realice ante o órgano xudicial, a Lei 15/2015, do 2 de xullo, da Xurisdición Voluntaria establece este procedemento, no que non será necesaria a intervención de avogado/a nin de procurador/a.
No caso de que se produza oposición da outra parte, continuarase o procedemento polos trámites do xuízo verbal.
Documentación que se debe presentar
A solicitude de consignación deberá conter a seguinte información:
- Datos e circunstancias de identificación das persoas interesadas, así como os domicilios nos que poidan ser citados.
- Razóns da consignación.
- Obxecto da mesma.
- A súa posta ao dispor do órgano xudicial xunto co que se solicite en canto ao seu depósito, no seu caso.
Xunto coa solicitude deberase acreditar que se realizou o ofrecemento de pagamento á persoa acredora e o anuncio da consignación a esta e demais interesados e deberase efectuar a posta ao dispor da cosa debida.
Cal é o seu custo
Taxas:
Este procedemento non contempla o pagamento de taxas xudiciais.
Gastos:
Os gastos ocasionados pola consignación serán de conta da persoa acredora se fose aceptada ou se declarase estar ben feita. Con todo, correrán por conta da persoa promotora se fose declarada improcedente ou retirase a cousa consignada.
Como solicitalo
A presentación da solicitude poderá realizarse por calquera medio, xa sexa en forma presencial ou a través da Sede Xudicial Electrónica de Galicia.
A presentación da solicitude realizarase no Servizo Común de Rexistro e Repartición do Tribunal de Instancia do lugar onde deba cumprirse a obriga e, se puidese cumprirse en distintos lugares, calquera deles a elección da persoa solicitante. Na súa falta, será competente o que corresponda ao domicilio da persoa debedora.
Normativa
Lei 15/2015, do 2 de xullo, da Xurisdición Voluntaria.
No artigo 8 da Lei 15/2015 indica que as disposicións da Lei de Axuizamento Civil serán de aplicación supletoria aos expedientes de xurisdición voluntaria en todo o non regulado pola Lei de Xurisdición Voluntaria, polo tanto, tamén será de aplicación a citada Lei 1/2000, do 7 de xaneiro, de Axuizamento Civil.
Formas de presentación
Tramitar en liña (Necesario certificado dixital ou DNI electrónico)
- Iniciar presentación electrónica de escrito iniciador
- Iniciar presentación electrónica de escrito de trámite