Sede Xudicial Electrónica

Sede Xudicial Electrónica

Monitorio civil

Procedemento dirixido á reclamación de débedas dinerarias de calquera importe e sen límite de contía.

    Que é

    O procedemento monitorio é un instrumento rápido, sinxelo e eficaz para a xestión da cobranza deste tipo de débedas.

    Trátase dun procedemento especial introducido pola Lei 1/2000, do 7 de xaneiro, de Axuizamento Civil e que se regula nos seus artigos 812 e seguintes, cuxa finalidade é a reclamación de débedas pecuniarias de calquera importe e sen límite de contía, non podendo estenderse a outro tipo de deberes.

    Só no caso de que a persoa debedora se opoña á reclamación poderá ser necesario celebrar vista.

    Para que serve

    Este procedemento serve para reclamar, sen necesidade de avogado/a e de procurador/a, débedas monetarias líquidas, determinadas, vencidas e esixibles de calquera contía, cando se dispoña dos documentos acreditativos que esixe este tipo de procedemento. Para que a débeda dineraria poida ser reclamada, debe reunir os seguintes requisitos: 

    • Líquida: que se poida expresar numericamente ou como resultado dunha sinxela operación aritmética.
    • Determinada: que se coñeza o importe con exactitude.
    • Vencida: que, no momento da presentación da solicitude, se superara o prazo dispoñible para o seu pagamento.
    • Esixible: que a persoa debedora estea obrigada ao seu pagamento.

    Quedan excluídos deste tipo de procedemento aqueles supostos nos que desde o inicio sexa necesaria unha declaración ou consistan en asuntos de familia.

    Documentación que se debe presentar

    Para que a demanda sexa admitida, é necesario que a débeda se acredite dalgún dos seguintes xeitos:

    1. Mediante documentos, calquera que sexa a súa forma e clase ou o soporte físico no que se atopen, que aparezan asinados pola persoa debedora ou co seu selo, sinal ou marca, ou con calquera outro sinal, físico ou electrónico.
    2. Mediante facturas, albarás de entrega, certificacións, telegramas, telefax ou calquera outro documento que, aínda sendo unilateralmente creados pola persoa acredora, sexan dos que habitualmente documentan os créditos e as débedas nas relacións da clase que apareza existente entre persoa acredora e persoa debedora.
    3. Formulario de presentación, que deberá ir asinado pola persoa demandante, achegando o correspondente poder notarial, no caso de que actúe no nome dunha sociedade.
    4. Cando se trate da reclamación de cotas comunitarias será necesario achegar a certificación do acordo da xunta aprobando a liquidación da débeda coa comunidade de propietarios por quen actúe como letrado/a da mesma, co visto e prace da persoa que exerza a presidencia, sempre que tal acordo fose notificado ás persoas propietarias afectadas na forma establecida no artigo 9 da Lei 49/1960, do 21 de xullo, sobre propiedade horizontal. 

    No caso de tratarse dunha tramitación presencial é obrigatorio entregar unha copia, tanto do formulario como de toda a documentación que o acompaña, para a súa entrega á persoa demandada.

    Cal é o seu custo

    Taxas:

    As persoas físicas están exentas do pagamento de taxas xudiciais.

    No caso de persoas xurídicas, a taxa componse dunha cota fixa (100€) máis unha cota variable que pode calcularse na calculadora de taxas xudiciais.

    Como solicitalo

    A presentación da solicitude poderá realizarse por calquera medio, xa sexa en forma presencial ou a través da Sede Xudicial Electrónica de Galicia.

    Presentarase ante o Servizo Común de Rexistro e Repartición do partido xudicial ao que corresponde o domicilio ou residencia da persoa demandada, ou directamente no xulgado, para o suposto de que este fose único no partido xudicial.

    No caso de que este domicilio non se coñecese, pódese presentar no partido xudicial no que a persoa debedora puidese ser atopada ou, no caso de tratarse de gastos de comunidades de propietarios, no que corresponde o lugar onde se atope o predio.  Pode atopar a localización e os datos das Oficinas de Rexistro e Repartición e os servizos comúns no Directorio Xudicial.

    Normativa

    Preguntas frecuentes

    Que é o procedemento monitorio?

    É un procedemento especial introducido pola Lei 1/2000 do 7 de Xaneiro, de Axuizamento Civil e que se regula nos seus artigos 812 e seguintes. Serve para a reclamación de débedas dinerarias de calquera importe e sen límite de contía.

    O procedemento monitorio preséntase como un instrumento rápido, sinxelo e eficaz para a xestión do cobro deste tipo de débedas.

    Só no caso de que a persoa debedora se opoña á reclamación poderá ser necesario realizar vista.

    Que tipos de reclamacións se poden facer a través do procedemento monitorio?

    A través do procedemento monitorio só poderase reclamar o pagamento de débedas monetarias, sempre que tales débedas reúnan os requisitos necesarios que se expoñen e se dispoña dos documentos acreditativos que se esixen.

    Cales son os requisitos que debe reunir una débeda en diñeiro para que sexa posible reclamar o seu pagamento a través do procedemento monitorio?

    A débeda deberá reunir os seguintes requisitos:

    • Ser líquida: Que a cantidade reclamada se poida expresar de forma numérica, xa sexa directamente ou mediante unha sinxela operación aritmética.
    • Ser determinada: Que se coñeza con precisión o importe da débeda.
    • Estar vencida: Que sexa reclamable no momento da petición inicial do procedemento monitorio.
    • Ser esixible: Que a persoa debedora estea obrigada ao pagamento da débeda.

    Como debe acreditarse a existencia da débeda en diñeiro para poder reclamala a través do xuízo monitorio?

    A débeda, ademais de ser líquida, determinada, esixible e estar vencida, deberá acreditarse mediante algunha das seguintes maneiras:

    1. Mediante documentos, calquera que sexa a súa forma e clase ou o soporte físico no que se atopen, que aparezan firmados pola persoa debedora ou co seu selo, impronta ou marca ou con calquera outro sinal, físico ou electrónico.
    2. Mediante facturas, albarás de entrega, certificacións, telegramas, telefax ou calquer outro documento que, aínda que fosen unilateralmente creados pola persoa acredora, sexan dos que habitualmente documentan créditos e débedas en relacións da clase que apareza existente entre a persoa acredora e a persoa debedora.

    Tamén se poderán reclamar a través do xuízo monitorio as débedas de diñeiro que sendo líquidas, determinadas, vencidas e esixibles, se acrediten da seguinte maneira:

    1. Cando, xunto co documento no que conste a débeda, se aporten documentos comerciais que acrediten unha relación anterior duradeira.
    2. Cando a débeda se acredite mediante certificacións de impago de cantidades debidas en concepto de gastos comúns de comunidades de propietarios/as de bens urbanos.

    Ante quen se debe presentar a petición inicial de procedemento monitorio?

    Ante o xulgado de primeira instancia do domicilio ou residencia da persoa debedora ou ante o xulgado do mercantil do domicilio ou residencia da persoa debedora, o cal, conforme ao artigo 86 ter da LOPJ, entre outras competencias tramitará:

    1. As demandas nas que se exerciten accións relativas a competencia desleal, propiedade industrial, propiedade intelectual e publicidade, así como todas aquelas cuestión que, dentro desta orde xurisdicional, se promovan ao amparo da normativa reguladora das sociedades mercantís e cooperativas.
    2. As pretensións que se promovan ao amparo da normativa en materia de transportes, nacional ou internacional.

    Se non se coñecese o domicilio nin a residencia da persoa debedora, a petición inicial de procedemento monitorio poderá presentarse ante o xulgado de primeira instancia ou do mercantil do lugar no que a persoa debedora puidera ser atopado para requirilo de pagamento.

    Nos supostos de reclamación de débedas xeradas como consecuencia do impago das cantidades debidas en concepto dos gastos de comunidades de propietarios/as de inmobles urbanos, a petición inicial de procedemento monitorio tamén poderá presentarse ante o xulgado de primeira instancia ou do mercantil do lugar no que se atope o predio (a elección da persoa solicitante).

    Onde debe presentarse a petición inicial de procedemento monitorio?

    No Servizo Común de Rexistro e Repartición dos xulgados aos que corresponde o domicilio da persoa demandada, ou no xulgado de primeira instancia correspondente no caso de que este fose único no partido xudicial, ou a través da Sede Xudicial Electrónica, para o caso de que esta funcionalidade estea operativa.

    Como se confecciona a petición inicial de procedemento monitorio?

    A petición inicial de procedemento monitorio realizarase mediante escrito no que deberá constar necesariamente a seguinte información:

    • A identidade da persoa debedora (nome e apelidos ou denominación social e DNI/NIF ou CIF).
    • O domicilio ou domicilios da persoa acredora e da persoa debedora ou o lugar no que residisen ou puidesen ser atopados.
    • A orixe e contía da débeda.

    A confección do escrito poderá facerse tamén mediante o formulario normalizado posto a disposición da cidadanía a través da Sede Xudicial Electrónica, nos propios órganos xudiciais e nas Oficinas de Atención ó Cidadán.

    O escrito ou formulario, debidamente cumprimentado, no que se formula a petición inicial de procedemento monitorio debe constar asinado pola persoa solicitante.

    No caso de que a persoa solicitante represente a unha persoa xurídica, deberá aportar o correspondente poder notarial, que lle autorice a intervir no seu nome.

    Do escrito ou formulario e dos documentos que se acompañen deberán presentarse as correspondentes copias para o seu traslado á persoa demandada.

    É necesaria a intervención de avogado/a e procurador/a no procedemento monitorio?

    Para a petición inicial de procedemento monitorio non é obrigatoria a intervención de avogado/a nin procurador/a, calquera que sexa a súa contía.

    Sen embargo, se a cantidade reclamada excedese de 2.000 € e a persoa debedora se opuxese á reclamación, si será necesaria a intervención destes profesionais. Neste caso, o propio escrito de oposición deberá constar firmado polo avogado/a e o procurador/a.

    Tamén será necesaria a intervención de avogado/a e procurador/a para solicitar o despacho da execución no caso de que a persoa debedora non pague nin se opoña á petición inicial de xuízo monitorio no prazo concedido, cando a cantidade reclamada supere os 2.000 €.

    Para o caso de que se designe avogado/a e/ou procurador/a de forma voluntaria, deberá terse en conta, con carácter xeral, que os gastos do avogado/a e o procurador/a non poderán repercutirse á persoa debedora (non pode incluírse nataxación de custas) cando non sexa preceptiva a súa intervención, salvo no caso das reclamacións dos gastos das comunidades de propietarios/as posto que o artigo 21 da Lei de Propiedade Horizontal si o permite.

    Como actúa o xulgado de primeira instancia ou do mercantil unha vez recibida a petición inicial de procedemento monitorio?

    Recibida a petición inicial de procedemento monitorio, o/a Letrado/a da Administración de Xustiza (LAX) procederá ao seu exame e admisión, salvo que considere que existe causa para a súa inadmisión, en cuxo caso dará conta ao/a xuíz/a para que resolva.

    Unha vez admitida a solicitude, o/a LAX acordará requirir á persoa debedora para que, no prazo de vinte días, pague á persoa peticionaria, acreditándoo ante o tribunal, ou compareza ante este a e alegue, de forma fundada e motivada, en escrito de oposición, as razóns polas que, ao seu entender, non debe en todo ou en parte, a cantidade reclamada.

    Se durante o curso do procedemento se constata que a persoa demandada ten a súa residencia noutro partido xudicial ou o resultado das xestións para a localización do domicilio resultasen infrutuosas, porase fin ao procedemento monitorio para que a persoa interesada poida presentar a súa reclamación ante o xulgado correspondente ou a través do proceso declarativo que corresponda.

    No procedemento monitorio non se contempla acudir á publicación de edictos para requirir o pagamento á persoa demandada, posto que tal requirimento só pode realizarse persoalmente.

    A única excepción é a prevista para a reclamación dos gastos comúns das comunidades de propietarios/as. Neste caso, si se admite que o requirimento se practique por edictos, sempre que antes se intentase con resultado negativo no domicilio previamente designado pola persoa debedora para as notificacións e citacións de toda índole relacionadas cos asuntos da comunidade de propietarios/as ou, no caso de que a persoa debedora non designase domicilio a tales efectos, no piso ou local que xerase a débeda.

    Que supostos poden darse unha vez presentada a petición inicial dun procedemento monitorio?

    Incomparecencia da persoa debedora requirida e despacho da execución
    Se a persoa debedora non atendese ao requirimento de pagamento ou non comparecese no procedemento no prazo de vinte días, ditarase Decreto polo/a Letrado/a da Administración de Xustiza (LAX) dando por terminado o proceso monitorio e darase traslado á persoa acredora para que inste o despacho da execución.

    Para solicitar o despacho da execución bastará a mera solicitude da persoa acreedora.

    Desde que se dite o auto despachando a execución, a débeda devindicará os xuros previstos no artigo 576 da Lei de Axuizamento Civil, é dicir, un interese anual igual ao xuro legal do diñeiro incrementado en dous puntos ou o que corresponda por pacto das partes ou disposición especial da lei.

    Pagamento da persoa debedora
    Se a persoa debedora atende ao requirimento de pagamento no prazo de vinte días, tan pronto coma se acredite no procedemento, o/a Letrado/a da Administración de Xustiza (LAX) acordará el archivo das actuación, salvo que a reclamación derive dos gastos dunha comunidade de propietarios/as, en cuxo caso poderase solicitar a taxación das custas se interviñeron abogado/a e procurador/a.

    A persoa debedora poderá facer o pagamento da cantidade reclamada das seguintes maneiras:

    a) Directamente á persoa acreedora.
    b) Ingresándoa na Conta de Depósitos e Consignacións Xudiciais do Xulgado.
    c) Mediante transferencia bancaria á conta da súa titularidade que a persoa acredora designe.

    Oposición da persoa debedora
    A persoa debedora poderá opoñerse á petición inicial de procedemento monitorio, dentro do prazo de vinte días desde que lle fose practicado o correspondente requirimento xudicial de pagamento, expresando por escrito as razóns polas que, ao seu entender, non debe, en todo ou en parte, a cantidade reclamada.

    Se a cantidade reclamada supera os 2.000 €, o escrito de oposición deberá constar asinado por abogada/o e procuradora/o.

    Se a oposición da persoa debedora se fundase na existencia de pluspetición (ao considerar que non debe parte da débeda reclamada), actuarase da seguinte maneira:

    • Respecto á cantidade recoñecida como debida: a instancia da persoa peticionaria, o tribunal poderá ditar de inmediato auto acollendo as pretensións que fosen obxecto de recoñecemento pola persoa debedora. Este auto será executable.
    • Respecto á cantidade restante reclamada pola persoa peticionaria e non recoñecida pola persoa debedora, continuarase o proceso polos trámites que correspondan.

    Unha vez presentado o escrito de oposición, poderanse dar dous supostos:

    1. Que a cantidade reclamada non exceda de 15.000 € ou que se reclamen rentas ou cantidades debidas pola persoa arrendataria de finca urbana, en cuxo caso o/a Letrado/a da Administración de Xustiza (LAX) ditará Decreto dando por terminado o proceso monitorio e acordando seguir a tramitación conforme ao previsto para xuízo verbal.
    2. Que a cantidade reclamada exceda de 15.000 €, caso no que a persoa acreedora demandante deberá presentar a demanda correspondente no prazo dun mes desde que se lle dea de traslado do escrito de oposición.
      Se, transcorrido o referido prazo, a persoa acredora demandante non presentara a correspondente demanda, o/a Letrado/a da Administración de Xustiza (LAX) ditará decreto sobresendo as actuacions e condendo en custas á persoa acredora.
      Se, pola contra, a persoa acredora peticionaria presentase, dentro do prazo de vinte días, a correspondente demanda, o/a Letrado/a da Administración de Xustiza (LAX) ditará decreto poñendo fin ao proceso monitorio e acordará o traslado dela á persoa demandada conforme ao previsto para o xuízo ordinario, salvo que non proceda a súa admisión, en cuxo caso darase traslado ao/á xuíz/a para que resolva.

    Imposibilidade de localización da persoa debedora
    Se a persoa debedora estivera ilocalizable, procederase conforme ao artigo 813, ditando auto dando por terminado o proceso, facendo constar tal circunstancia e reservando á persoa acredora o dereito a instar de novo o proceso ante o xulgado competente.

    Xunta de Galicia