Sede Xudicial Electrónica

Sede Xudicial Electrónica

Interposición de recurso contencioso-administrativo por persoa funcionaria pública

Procedemento legal mediante o cal unha persoa funcionaria impugna unha decisión administrativa que considera ilegal ou inxusta na súa situación laboral ou de dereitos.

    Que é

    A Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da Xurisdición Contencioso-Administrativa recoñece a posibilidade de que a persoa funcionaria pública asuma a súa propia defensa en litixios contencioso-administrativos en cuestións de persoal que non impliquen separación de empregados públicos inamovibles.

    A través destes formularios pódense iniciar de maneira presencial os seguintes procesos:

    • Recurso contencioso-administrativo relativo a cuestións de persoal (excepto nacemento ou extinción da relación de servizo das persoas funcionarias públicas).
    • Recurso contencioso-administrativo relativo ao nacemento ou extinción da relación de servizo das persoas funcionarias públicas.

    Documentación que se debe presentar

    A solicitude de interposición de recurso contencioso-administrativo deberá acompañarse dunha serie de documentación esencial á que se refire o artigo 45.2 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da Xurisdición Contencioso-Administrativa, e que consiste en:

    1.  O documento que acredite a representación da persoa comparecente, salvo se figurase unido ás actuacións doutro recurso pendente ante o mesmo órgano xudicial, caso no que poderá solicitarse que se expida certificación para a súa unión aos autos.
    2.  O documento ou documentos que acrediten a lexitimación da persoa actora cando a ostente por haberlla transmitido outra persoa por herdanza ou por calquera outro título.
    3.  A copia ou traslado da disposición ou do acto expreso que se recorran, ou indicación do expediente no que recaera o acto ou o periódico oficial no que a disposición se publicara. Se o obxecto do recurso fose a inactividade da Administración ou unha vía de feito, mencionarase o órgano ou dependencia ao que se atribúa unha ou outra, no seu caso, o expediente no que tiveran orixe, ou calquera outros datos que sirvan para identificar suficientemente o obxecto do recurso.
    4. O documento ou documentos que acrediten o cumprimento dos requisitos esixidos para establecer accións as persoas xurídicas coas normas ou estatutos que lles sexan de aplicación, salvo que se incorporaran ou inseriran no pertinente dentro do corpo do documento mencionado na letra a) deste mesmo apartado.

    Cal é o seu custo

    Taxas:

    Na orde contencioso-administrativa, as persoas funcionarias públicas, cando actúen en defensa dos seus dereitos estatutarios, terán unha exención do 60 por cento na contía da taxa que lles corresponda pola interposición dos recursos de apelación e casación.

    Como solicitalo

    A presentación do escrito iniciador do recurso contencioso-administrativo relativo a cuestións de persoal (excepto nacemento ou extinción da relación de servizo das persoas funcionarias públicas), levarase a cabo na Oficina de Rexistro e Repartición contencioso-administrativa do Tribunal de Instancia da cidade onde ten a sede a Administración que ditou o acto recorrente ou da cidade onde a persoa funcionaria recorrente ten o seu domicilio.

    A presentación do escrito iniciador do recurso contencioso-administrativo relativo ao nacemento ou extinción da relación de servizo das persoas funcionarias públicas, levarase a cabo de forma presencial na Oficina de Rexistro e Repartición do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

    Podes atopar a localización e os datos das Oficinas de Rexistro e Repartición e servizos comúns no Directorio Xudicial.

    Normativa

    Xunta de Galicia