Dereitos e deberes ante a xustiza
O principal obxectivo da "Carta de Dereitos dos Cidadáns ante a Xustiza" é lograr unha xustiza moderna e aberta á cidadanía e unha Administración de Xustiza responsable, que presta especial atención e coidado daqueles/as que se atopan máis desprotexidos.
O obxectivo desta carta é lograr unha xustiza moderna e aberta aos/as cidadáns/as para conseguir unha Administración de Xustiza responsable ante os cidadáns.
Así, asisten aos cidadáns os seguintes dereitos:
-
Recibir información xeral e actualizada sobre o funcionamento dos xulgados e tribunais, acceder ao contido actualizado das leis de España e da Unión Europea e a coñecer o contido e estado dos procesos nos que teñan intereses lexítimos.
-
Formular queixas e suxestións sobre o funcionamento da xustiza e esixir, en caso necesario, as reparacións ás que houbese lugar.
-
Acceso a unha xustiza cunha linguaxe comprensible (sen perder rigor técnico) e responsable ante o cidadán.
-
Tramitación áxil e tecnoloxicamente avanzada dos asuntos que lle afectan, para que se resolvan dentro do prazo legal previsto.
-
Asistencia con especial atención e coidado daqueles que se atopan máis desprotexidos, como os que son vítimas de violencia doméstica e de xénero, os/as menores de idade, as persoas que sufran unha discapacidade sensorial, física ou psíquica ou os/as estranxeiros/as inmigrantes en España.
-
Recibir unha prestación profesional de calidade por parte de avogados/as e procuradores/as, de acordo cunha conduta deontolóxica correcta.
-
Esixir o cumprimento do establecido na Carta de Dereitos a xuíces/xuízas e maxistrados/as, fiscais, letrados/as da Administración de Xustiza, médicos forenses, avogados/as, procuradores/as e demáis persoas e institucións que cooperan coa Administración de Xustiza.
Os principais deberes dos cidadáns ante a xustiza son:
-
Participar na Administración de xustiza mediante a figura do tribunal do xurado naqueles procesos penais que a lei determine. Os supostos de escusa, incompatibilidade e prohibición están delimitados pola lei.
-
Obriga de prestar colaboración coa xustiza como testemuña, que esixe non só prestar testemuño senón tamén dicir a verdade.
-
No caso de presenciar a comisión dun delito, o/a cidadán/á ten o deber de poñelo en coñecemento e colaborar coa autoridade xudicial ou Ministerio Fiscal, agás que estivese exento por razóns familiares.