Selecciónanme como xurado
Que é
As principais fases da participación dunha persoa cidadá nun tribunal do xurado, desde o momento no que foi seleccionado, son:
- Recepción da documentación
- Constitución do tribunal do xurado
- Celebración do xuízo
- Deliberación
- Veredicto
A participación como xurado será retribuída e indemnizada na forma e contía que se regula no Real Decreto 385/1996, do 1 de marzo, polo que se establece o réxime retributivo e de indemnización do desempeño das funcións de xurado.
Segundo a última actualización, aprobada por Acordo do Consello de Ministros do 14 de xullo de 2006, a retribución diaria ascende a 67 euros. Os gastos de aloxamento e manutención, no caso de que fose necesario, ascenden a 65,97 euros o aloxamento e a 18,70 euros a comida e a cea.
Recepción da documentación
Cando unha persoa cidadá foi seleccionada para participar nun tribunal do xurado recibe unha citación no seu domicilio por parte do Letrado/a da Administración de Xustiza do tribunal a fin de que compareza o día sinalado para a vista do xuízo oral no lugar en que se haxa de celebrar.
Xunto coa cédula de citación achégase un cuestionario, no que se informará das eventuais faltas de requisitos, causas de incapacidade, incompatibilidade ou prohibición que as persoas seleccionadas como xurados deben coñecer, así como os supostos de escusa que poidan alegar, os dereitos e deberes e a retribución que lle corresponderá.
Unha vez recibida a notificación, a persoa cidadá debe realizar as seguintes actuacións:
- Cubrir o cuestionario que se lle achega (caderno B) e devolvelo á Audiencia Provincial dentro dun prazo máximo de 5 días, contados a partir da recepción da documentación.
- Comparecer na sede da Audiencia Provincial o día e a hora sinalados. A non comparecencia pode motivar a suspensión do xuízo, e levará consigo importantes sancións. A non comparecencia inxustificada á primeira citación pode ser sancionada con multa de 150,25 euros e, á segunda citación, con multa de 601,01 a 1.502,52 euros.
Constitución do tribunal do xurado
A persoa cidadá que foi citada para participar no tribunal do xurado debe identificarse na Audiencia Provincial co DNI e coa cédula de citación ante o persoal de auxilio xudicial ou ante o servizo de información, onde se lle indicará a sala onde pode esperar cos demais candidatos a xurados.
Unha vez na sala onde se celebrará o xuízo, o/a maxistrado/a presidente, o/a fiscal e os/as avogados/as intervenientes faranlle preguntas para indagar se concorre nel/a algunha causa que lle inhabilite para actuar como xurado nese xuízo.
Unha vez realizado o interrogatorio e excluídas, no seu caso, aquelas persoas candidatas nas que concorra algunha causa que as inhabilite para ser membro do xurado, procédese a elixir por sorteo, entre as non excluídas, aos 9 membros do xurado máis dous suplentes, por se algunha das persoas seleccionadas é incapacitada durante o xuízo.
Constitución
Tras o sorteo e a elección dos 9 membros do xurado e os 2 suplentes, as persoas elixidas poderán ser interrogadas de novo polo/a presidente/a, o/a fiscal e os/as avogados/as. Este interrogatorio versará sobre as súas circunstancias persoais e ten como finalidade primordial coñecer a súa actitude favorable ou contraria á persoa acusada e ao tipo de delito presuntamente cometido por el/a.
Trátase de conformar un tribunal do xurado obxectivo, imparcial e independente. Á celebración do xuízo tamén terán que asistir as dúas persoas elixidas como suplentes.
Unha vez que o tribunal se constitúa, procederase a recibir xuramento ou promesa ás persoas designadas como xurados. Ninguén poderá exercer as funcións de xurado sen prestar o xuramento ou promesa indicados. O tribunal estará presidido polo/a maxistrado/a.
Celebración do xuízo
O xuízo oral comezará tras o xuramento ou promesa das persoas membros do xurado, segundo o establecido na Lei de Axuizamento Criminal. Para a celebración do xuízo sempre requirirase a asistencia da persoa acusada e do/a avogado/a defensor/a.
A continuación, darase lectura dos escritos de cualificación. Seguidamente, o/a maxistrado/a presidente abrirá unha quenda de intervención das partes para que expoñan ao xurado as alegacións que estimen convenientes a fin de explicar o contido das súas respectivas cualificacións e a finalidade da proba que propuxeron.
No xuízo, o tribunal do xurado escoitará a declaración da persoa acusada e presenciará a práctica das probas contrarias e favorables a esta (declaracións de testemuñas e peritos, informes periciais, documentación e demais pezas de convicción).
Se durante o xuízo, algunha persoa membro do xurado considera conveniente que se lle faga algunha pregunta concreta á persoa acusada, testemuña ou perito para aclarar os feitos, poderá indicar por escrito a pregunta que estime necesaria. Dita pregunta entregarase ao/á presidente/a e este/a, despois de ler a pregunta en persoa, poderá dar lectura á mesma para que sexa contestada, se a estima pertinente.
Deliberación
A deliberación comeza coa impartición de instrucións ás persoas membros do xurado por parte do/a presidente/a, en audiencia pública, sobre as regras que rexen a deliberación e votación e a forma na que deben reflectir o veredicto.
Tamén se entregará ás persoas membros do xurado o escrito obxecto do veredicto que contén información sobre a natureza dos feitos sobre os que versase a discusión, a ilicitude ou nulidade de medios probatorios, as circunstancias constitutivas do delito imputado, as persoas acusadas e as circunstancias de exención ou modificación da responsabilidade.
Seguidamente, o xurado retirarase á sala destinada para a deliberación onde elixirán á persoa voceira do xurado popular. A deliberación será secreta e a porta pechada, sen que ningunha persoa membro do xurado poida revelar o manifestado nela, e non terán permitida a comunicación con ningunha persoa ata que emitisen o veredicto.
A deliberación finaliza coa votación sobre se se estiman probados ou non os feitos xulgados e sobre a culpabilidade ou inculpabilidade da/s persoa/s acusada/s por cada delito imputado. Para iso, a votación será sempre nominal, en voz alta e por orde alfabética, votando en último lugar a persoa voceira. Ningún xurado poderá absterse de votar.
Veredicto
O veredicto pon fin á función do xurado. Unha vez finalizada a votación, estenderase a acta de votación, na cal indicarase, en apartados separados, o resultado da deliberación e se foi por unanimidade ou por maioría. A acta será asinada por todas as persoas membros do xurado.
Unha vez firmada a acta, entregarán unha copia ao/á presidente/a, quen convocará ás partes para facer a lectura do veredicto en audiencia pública polo/a voceiro/a do xurado. Unha vez realizada a lectura, o xurado cesará nas súas funcións.
Seguidamente, o/a maxistrado/a presidente ditará sentenza incluíndo, como feitos probados e delito obxecto da condena ou absolución, o contido correspondente do veredicto. Se o veredicto fose de inculpabilidade, o/a presidente/a ditará no acto sentenza absolutoria da persoa acusada, ordenando, se é o caso, a inmediata posta en liberdade. Finalmente, procederase á publicación e ao arquivo da sentenza e a acta do xurado anexada.
Requisitos previos
"Entre os motivos para escusarse de actuar como xurado figuran o de ser maior de 65 anos de idade, ter feito funcións de xurada ou xurado dentro dos 4 anos anteriores, ...".
Para formar parte dun tribunal do xurado existen os seguintes requisitos previos:
- Ser español/a e maior de idade.
- Saber ler e escribir.
- Encontrarse en pleno exercicio dos dereitos políticos.
- Ser veciño/a, no momento da designación, de calquera dos municipios da provincia onde se cometese o delito.
- Non estar impedido/a física, psíquica ou sensorialmente para realizar a función de xurado.
Xunto a estes requisitos previos tamén existen os seguintes posibles motivos para escusarse de actuar como xurado:
- Ser maior de 65 anos de idade.
- Ter feito funcións de xurado dentro dos 4 anos anteriores.
- Graves trastornos por motivo de cargas familiares.
- Ter un traballo de relevante interese xeral cuxa substitución ocasionaría prexuízos importantes.
- Residir no estranxeiro.
- Ser militar profesional en activo se concorren razóns de servizo.
- Outras causas que dificulten o desempeño do cargo por circunstancias persoais, profesionais, de cargo e parentesco.
Así mesmo, a Lei do Tribunal do Xurado tamén determina causas de incompatibilidade, de incapacidade e de prohibición para ser xurado.