Execución de título xudicial (civil ou social)
Que é
É un procedemento mediante o cal unha persoa pode solicitar ao xulgado que faga cumprir o que se establece nunha sentenza, auto ou decreto firmes que puxesen fin a un procedemento anterior cando a persoa condenada non o faga voluntariamente.
Para que serve
Este procedemento serve para executar títulos xudiciais da orde civil, sen necesidade da intervención de avogado/a e procurador/a, segundo o disposto no artigo 539.1 da Lei de Axuizamento Civil (LAC).
Tamén se poden executar por esta vía as resolucións recaídas en procedementos da orde social mediante a presentación de escrito da persoa interesada sen necesidade da intervención de avogado/a nin de procurador/a, conforme o dispón o artigo 237 da Lei 36/2011, do 10 de outubro, reguladora da xurisdición social.
Documentación que se debe presentar
Nos casos nos que se solicite a execución dunha resolución da/o Letrado/a da Administración de Xustiza (LAX) ou dunha sentenza ou resolución ditada polo tribunal competente para coñecer da execución, deberase acompañar á demanda a seguinte documentación conforme o establece o art. 549.2 LAC:
- Identificación da sentenza ou resolución: A demanda debe identificar claramente a sentenza ou resolución cuxa execución se solicita.
- Documentos adicionais: Pódense anexar todos aqueles documentos que a persoa executante considere convenientes e que conteñan datos de interese para o desenvolvemento da execución.
Cal é o seu custo
Taxas:
As persoas físicas están exentas do pagamento de taxas xudiciais.
Como solicitalo
A presentación da solicitude poderá realizarse por calquera medio, xa sexa en forma presencial ou a través da Sede Xudicial Electrónica de Galicia. Para poder presentar a demanda de execución deben transcorrer 20 días desde a firmeza da resolución cuxa execución se solicita, segundo establece o artigo 548 da LAC.
A presentación da solicitude levarase a cabo no Servizo Común de Rexistro e Repartición ao que estea adscrito o órgano que ditou a resolución cuxa execución se solicita ou no propio órgano no caso de ser único.Tamén hay que ter en conta que non deben transcorrer 5 anos desde a firmeza da resolución, posto que este é o prazo de caducidade previsto para esta clase de accións.
Así mesmo, poderase presentar na Sede Xudicial electrónica, os escritos iniciadores dos procedementos de execución derivados de procesos declarativos nos que non sexa necesaria a representación letrada (procedementos monitorios e verbais cuxa contía non exceda de 2.000 €).
Pode atopar a localización e datos das Oficinas de Rexistro e Repartición e servizos comúns no Directorio Xudicial Directorio Xudicial.
Normativa
Lei 1/2000, do 7 de xaneiro, de Axuizamento Civil (arts. 538 e ss.).
Lei 36/2011, do 10 de outubro, reguladora da Xurisdición Social (arts. 237 e ss.).