Conciliación
Que é
A conciliación é un procedemento no que as partes tratan de chegar a un acordo que beneficie a ambas co fin de evitar un preito.
Para que serve
Trátase dun procedemento de xurisdición voluntaria que ten por obxecto poñer fin a un conflito entre particulares mediante unha solución amigable pactada entre elas, sen necesidade de avogado/a nin de procurador/a, a través da presentación da solicitude de conciliación, sempre que este procedemento se utilice coa finalidade de chegar a un acordo para evitar un preito.
Regúlase na Lei 15/2015 , do 2 de xullo, da Xurisdición Voluntaria (LXV), nos seus artigos 139 a 148.
De lograrse a avinza entre as partes no acto de conciliación ditarase a oportuna resolución xudicial que levará aparellada a execución no caso de que algunha das parte non cumpra voluntariamente o acordado.
Documentación que se debe presentar
Para iniciar un procedemento de conciliación, cando se cumpran os requisitos antes citados, se debe presentar unha solicitude por escrito ante o órgano competente.
Na solicitude incluiranse:
- Os datos e circunstancias de identificación da persoa solicitante e da persoa requirida ou requiridas de conciliación.
- O domicilio ou os domicilios nos que poden ser citadas as persoas.
- O obxecto da conciliación que se pretenda e a data, determinando con claridade e precisión cal é o obxecto da avinza.
- A persoa solicitante poderá acompañar á solicitude de conciliación aqueles documentos que considere oportunos.
A confección do escrito tamén poderá realizarse mediante impreso ou formulario normalizado posto ao dispor da cidadanía a través da Sede Xudicial Electrónica, nas Oficinas de Rexistro e Repartición, servizos comúns, órganos xurisdicionais e nas Oficinas de Atención á Cidadanía.
Cal é o seu custo
Taxas:
Este procedemento non contempla o pagamento de taxas xudiciais.
Gastos:
Os gastos que ocasione o acto de conciliación serán de conta do que o tivese promovido.
Como solicitalo
A presentación da solicitude poderá realizarse por calquera medio, xa sexa en forma presencial ou a través da Sede Xudicial Electrónica de Galicia.
A presentación da solicitude levará a cabo no Servizo Común de Rexistro e Repartición dos xulgados aos que corresponde o domicilio da persoa demandada ou no xulgado de primeira instancia correspondente no caso de que este fose único no partido xudicial ou a través da Sede Xudicial Electrónica no caso de que esta funcionalidade estivese operativa.
Pode atopar a localización e os datos das Oficinas de Rexistro e Repartición e os servizos comúns no Directorio Xudicial.
Normativa
Lei 15/2015, do 2 de xullo, da Xurisdición Voluntaria (artigo 8, artigos 139 a 148).
No artigo 8 da Lei 15/2015 indica que as disposicións da Lei de Axuizamento Civil serán de aplicación supletoria aos expedientes de xurisdición voluntaria en todo o non regulado pola Lei de Xurisdición Voluntaria, polo tanto tamén será de aplicación a seguinte normativa:
Lei 1/2000, do 7 de xaneiro, de Axuizamento Civil.
Lei 42/2015, do 5 de outubro, de reforma da Lei 1/2000, do 7 de xaneiro, de Axuizamento Civil.
Formas de presentación
Tramitar en liña (Necesario certificado dixital ou DNI electrónico)
- Iniciar presentación electrónica de escrito iniciador
- Iniciar presentación electrónica de escrito de trámite