Sede Xudicial Electrónica

Sede Xudicial Electrónica
Cómo actuar no caso de...

Necesito un/a avogado/a e non podo pagalo


Que é a asistencia xurídica gratuíta

A asistencia xurídica gratuíta é un dereito fundamental recoñecido pola Constitución Española de 1978, no seu artigo 24, que consagra o dereito a obter a tutela xudicial efectiva dos xuíces/as e tribunais no exercicio dos seus dereitos lexítimos, sen que se produza indefensión.

Así mesmo, o artigo 119 establece que a xustiza será gratuíta para quen acredite insuficiencia de recursos para litigar. Todo/a cidadán/cidadá que cumpra os requisitos poderá solicitar, nos termos establecidos pola normativa vixente, asistencia xurídica gratuíta nos procedementos xudiciais nos que estea interesado.

A xustiza gratuíta en España adminístrase de forma diferente en función da lexislación aplicable en cada comunidade autónoma. En Galicia, corresponde á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a coordinación das sete comisións de asistencia xurídica gratuíta, que son os órganos responsables de administrar o dereito aos cidadáns.

A quen vai dirixido

Segundo a, teñen dereito á prestación da asistencia xurídica gratuíta: 

  • Os/as cidadáns/cidadás españois, os/as nacionais dos demais estados membros da Unión Europea e os/as estranxeiros/as que se atopen en España, cando acrediten insuficiencia de recursos para litigar.
  • As entidades xestoras e servizos comúns da Seguridade Social.
  • As seguintes persoas xurídicas cando acrediten insuficiencia de recursos para litigar:
  • Na orde Social, os traballadores e beneficiarios do sistema de Seguridade Social, tanto para a defensa en xuízo como para o exercicio de accións para a efectividade dos dereitos laborais nos procedementos concursais. Así mesmo, o dereito á asistencia xurídica gratuíta recoñécese aos traballadores e beneficiarios da Seguridade Social para os litixios que sobre esta materia se substancien ante a orde Contencioso-Administrativa.
  • Na orde Contenciosa-Administrativo, así como na vía administrativa previa, os cidadáns estranxeiros que acrediten insuficiencia de recursos para litigar terán dereito á asistencia letrada e á defensa e representación gratuíta nos procedementos que poidan levar á denegación da súa entrada en España, á súa devolución ou expulsión do territorio español e en todos os procedementos en materia de asilo.
  • Nos litixios transfronteirizos en materia civil e mercantil, as persoas físicas contempladas no Capítulo VIII da Lei 1/1996, do 10 de xaneiro, de asistencia xurídica gratuíta, nos termos que nel se establecen.

Requisitos para solicitalo

Teñen dereito á prestación da asistencia xurídica gratuíta todas aquelas persoas físicas que carecendo de patrimonio suficiente, conten cuns recursos e ingresos económicos brutos, computados anualmente por todos os conceptos e por unidade familiar, que non superen os seguintes límites (art. 3 da lei):

  • Dúas veces o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) vixente no momento de facer a solicitude, cando se trate de persoas non integradas nunha unidade familiar.
  • Dúas veces e media o IPREM vixente no momento de facer a solicitude, cando se trate de persoas integradas nalgunha das modalidades de unidade familiar con menos de catro membros.
  • O triplo do devandito indicador, cando se trate de unidades familiares integradas por catro ou máis membros.

No caso das persoas xurídicas referidas no apartado c) do artigo 2 da lei, considérase que existe insuficiencia de recursos cando carecendo de patrimonio suficiente, o resultado contable da entidade en cómputo anual fose inferior á cantidade equivalente ao triplo do IPREM.

Alén dos ingresos ou rendas e doutros bens patrimoniais ou circunstancias que declare o/a solicitante, teranse tamén en cóntase os signos externos que manifesten a súa real capacidade económica, co que se denegará o dereito á asistencia xurídica gratuíta se os estes signos, desmentindo a declaración do solicitante, revelan con evidencia que este dispón de medios económicos que superan o límite fixado pola lei. Para valorar a existencia de patrimonio suficiente terase en conta a titularidade de bens inmobles, sempre que non constitúan a vivenda habitual do solicitante, así como os rendementos do capital mobiliario (art. 4 da Lei 1/1996, do 10 de xaneiro, de asistencia xurídica gratuíta).

Excepcionalmente, e en atención ás circunstancias de familia do solicitante, ao número de fillos ou familiares ao seu cargo, ás taxas xudiciais e a outros custos derivados da iniciación do proceso, ou a outras de análoga natureza, todas elas obxectivamente avaliadas, e en todo caso cando o solicitante teña a condición de ascendente dunha familia numerosa de categoría especial, a Comisión de Asistencia Xurídica Gratuíta, ou se fose o caso a súa delegación, poderalles conceder o devandito dereito, mediante resolución motivada, a aquelas persoas cuxos recursos ou ingresos, aínda superando os límites previstos no artigo 3, non excedan do quíntuplo do IPREM, tendo en conta ademais a carencia de patrimonio suficiente.

Nas mesmas condicións anteriores poderá recoñecerse o dereito á asistencia xurídica gratuíta atendendo ás circunstancias de saúde do solicitante e ás persoas con discapacidade, así como ás persoas que os teñan ao seu cargo cando actúen nun proceso no seu nome e interese, sempre que se trate de procedementos que teñan relación coas circunstancias de saúde ou discapacidade que motivan este recoñecemento excepcional.

Nestes casos hai que ter en conta que a resolución que adopte a comisión ou a súa delegación determinará expresamente que prestacións das recollidas no artigo 6 da lei sonlle de aplicación ao solicitante (artigo 5 da lei).

O indicador público de renda para efectos múltiples (IPREM) foi establecido polo Real decreto lei 3/2004, do 25 de xuño, e substitúe nesta función o salario mínimo interprofesional. Segundo a disposición adicional 80ª da Lei 31/2022, do 23 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2023, que actualmente se atopa en vigor, estableceuse que se terá como IPREM unha contía anual de 7.200 euros para os efectos da Lei de asistencia xurídica gratuíta.

Como solicitalo

Para ser destinatario ou beneficiario deste dereito deberá tramitar e encher a solicitude de asistencia xurídica gratuíta. Ou ben solicitalo a través do procedemento da Sede electrónica da Xunta de Galicia.

Non atopas o que buscas?

Xunta de Galicia