Monitorio social
Que é
Trátase dun procedemento áxil para a reclamación, por parte dunha persoa traballadora fronte á persoa empregadora, de débedas dinerarias derivadas da relación laboral entre ambos.
Para que serve
Este procedemento serve para efectuar a reclamación de débedas de carácter pecuniario derivadas dunha relación laboral da persoa traballadora fronte á persoa empregadora, sempre que se cumpran os seguintes requisitos:
- Cantidades vencidas, esixibles e de contía determinada:
- Vencida: que, no momento da presentación da solicitude, se superara o prazo dispoñible para o seu pagamento.
- Esixible: que a persoa debedora estea obrigada directamente ao seu pagamento, sen que este dependa dunha contraprestación, termo ou condición.
- De contía determinada: que se coñeza con precisión a cantidade á que ascende ou que esta sexa determinable por simples operacións aritméticas a partir de datos fixos.
- Que a débeda derive da relación laboral entre a persoa traballadora e a persoa empregadora.
- Que a contía da reclamación non exceda de 15.000 €.
Outros requisitos
- Debe ser posible practicar os actos de notificación á persoa empregadora a través dos procedementos previstos no artigo 56 da Lei 36/2011, de 10 de outubro, reguladora da Xurisdición Social (LRXS): correo certificado con acuse de recibo, telégrafo, fax, correo electrónico ou calquera medio idóneo de comunicación ou transmisión de textos, ou, no seu defecto, mediante a entrega de copia da resolución ou de cédula á persoa destinataria ou a calquera das persoas ás que se refire o artigo 57 de dita lei.
- Non se poderá continuar a tramitación do procedemento se non é posible localizar o paradoiro da persoa debedora, posto que a lei non permite a posibilidade de que o requirimento se realice por vía edictal. Neste caso, concederase á persoa traballadora un prazo de catro días para que presente a correspondente demanda. Neste caso realizarase o sinalamento dos actos de conciliación e xuízo. Se non a presenta procederase ao arquivo das actuacións.
Excepcións ao proceso monitorio
Non poderán reclamarse a través deste procedemento as seguintes cuestións:
- As reclamacións de carácter colectivo formuladas pola representación dos/as traballadores/as.
- As reclamacións contra as entidades xestoras ou colaboradoras da Seguridade Social.
- As reclamacións fronte a empresas declaradas en concurso de acredores.
Documentación que se debe presentar
Para que a petición inicial sexa admitida é necesario que se acompañe da seguinte documentación:
- Copia do contrato, recibos de salarios, comunicación empresarial ou recoñecemento da débeda, certificado ou documento de cotización ou informe de vida laboral ou calquera outros documentos análogos dos que resulte un principio de proba da relación laboral e da contía da débeda.
- Documentación xustificativa de ter intentada a previa conciliación ou mediación, cando estas sexan exixibles.
Non se trata dunha listaxe pechada, pódese presentar calquera outro tipo de documento que sirva para acreditar a débeda. No caso de non dispoñer de documentación adecuada para acudir a este procedemento, deberase recorrer ao procedemento que corresponda, no que xa poderanse aportar outro tipo de probas (como a declaración de testemuñas, por exemplo).
Consonte o artigo 21 da Lei 36/2011, do 10 de outubro, reguladora da Xurisdición Social (LRXS), a intervención de avogado/a ou graduado/a social colexiado/a non é obrigatoria nesta fase do procedemento.
Cal é o seu custo
Taxas:
Este procedemento está exento de taxa xudicial de conformidade co disposto no artigo 4 da Lei 10/2012, do 20 de novembro, pola que se regulan determinadas taxas no ámbito da Administración de Xustiza e do Instituto Nacional de Toxicoloxía e Ciencias Forenses.
Como solicitalo
A presentación da solicitude poderá realizarse por calquera medio, xa sexa de forma presencial ou a través da Sede Xudicial Electrónica de Galicia.
Se presentará no Servizo Común de Rexistro e Repartición dos xulgados do social do lugar de prestación dos servizos ou do domicilio da persoa demandada, a elección da persoa demandante.
Se os servizos se prestasen en lugares de diferentes poboacións, a persoa traballadora poderá elixir presentar a súa petición no xulgado do social dalgún dos seguintes lugares:
- No que teña o seu domicilio a persoa traballadora.
- O correspondente ao domicilio que figure no contrato se a persoa demandada pode ser atopada e citada nel.
- O correspondente ao domicilio da persoa demandada.
De ser varias as persoas demandadas, a persoa demandante poderá elixir o domicilio de calquera das persoas demandadas.
Podes atopar a localización e os datos das Oficinas de Rexistro e Repartición e os servizos comúns no Directorio Xudicial.
Na solicitude deberá constar a seguinte información:
- Identidade completa e precisa da empresa debedora, os datos de identificación fiscal (NIF o CIF), domicilio completo e demais datos de localización e, no seu caso, datos de contacto para a comunicación, por medios informáticos e telefónicos, tanto da persoa demandante como demandada.
Respecto ao domicilio, ambas partes teñen a obriga de mantelos actualizados en todo momento, así como a información relativa aos distintos medios de comunicación, como números de teléfono, enderezos de correo electrónico e similares.
- Detalle e desagregación dos conceptos concretos, contías e períodos reclamados.
En que consiste o proceso monitorio
Exame da petición e admisión:
Unha vez presentada a solicitude xunto coa documentación requirida, o/a Letrado/a da Administración de Xustiza (LAX) procederá ao seu exame e, no seu caso, admisión.
O/A LAX completará, se corresponde, os datos de identificación ou que afecten á situación empresarial, utilizando os medios dos que dispoña o órgano xudicial.
De apreciar algún defecto emendable concederá catro días para a súa emenda.
Si o defecto non fose emendable ou non se emendase no prazo de catro días, o/a LAX dará conta ao/á xuíz/a para que resolva sobre a admisión ou inadmisión desta petición inicial.
Requirimento de pagamento á persoa empregadora:
Admitida a trámite a petición inicial, requirirase de pagamento á persoa empregadora, para que, no prazo de dez días, abone ao/á traballador/a a débeda reclamada ou formule oposición, alegando as razóns polas que, ao seu entender, non debe, en todo ou en parte, a cantidade que se lle reclama.
Do requirimento darase traslado polo mesmo prazo de dez días ao Fondo de Garantía Salarial, prazo que se ampliará por outros dez días máis, para o caso de que manifestase que necesita efectuar investigacións sobre os feitos da solicitude, en especial, sobre a solvencia empresarial.
Finalización do proceso monitorio
Tras o requirimento de pagamento á persoa empregadora pode producirse algunha das seguintes situacións:
Que esta pague voluntariamente:
Pode entregar a cantidade reclamada directamente á persoa traballadora, o cal deberá acreditarse ante o órgano xudicial, ou ben ingresala na conta de consignacións do xulgado, en cuxo caso o/a LAJ expedirá o correspondente mandamento de devolución á persoa peticionaria.
En ambos os casos procederase ao arquivo das actuacións.
Que se presente escrito de oposición por parte da persoa empregadora ou do Fondo de Garantía Salarial:
Se se produce oposición, o órgano xudicial comunicarallo á persoa peticionaria para que, se o estima oportuno, presente, no prazo de 4 días, a demanda correspondente, en cuxo caso procederase ao sinalamento dos actos de conciliación e xuízo na forma ordinaria.
Se no presentase demanda arquivaranse as actuacións.
Que se presente escrito de oposición so en canto a unha parte da cantidade reclamada:
A persoa peticionaria poderá solicitar ao órgano xudicial que dite resolución acollendo a reclamación en canto a esas cantidades recoñecidas, resolución que servirá a esta persoa para solicitar, por un simple escrito, a execución respecto a esta cantidade.
Con respecto ás cantidades ás que se refira o escrito de oposición aplicarase o exposto no apartado anterior.
Que transcorra o prazo de contestación sen que a persoa empregadora pague a cantidade reclamada nin formule oposición:
Neste caso porase fin ao proceso monitorio mediante un decreto do/da LAX do que se dará traslado á persoa peticionaria para que solicite o despacho da execución mediante unha simple solicitude.
Nesa solicitude, o/a demandante poderá facer constar os bens do/da demandado/a dos que teña coñecemento a efectos de proceder ao seu embargo, debendo indicar se os considera suficientes para cubrir as cantidades reclamadas.
O auto que se dite despachando execución poderá servir para solicitar as prestacións que correspondan ao FOGASA ou organismo que corresponda, cando se dean as condicións para elo.
Normativa
Formas de presentación
Tramitar en liña (Necesario certificado dixital ou DNI electrónico)
- Iniciar presentación electrónica de escrito iniciador
- Iniciar presentación electrónica de escrito de trámite