Procedemento monitorio

A lei 1/2000, de 7 de xaneiro, de axuizamento civil, nos seus artigos 812 a 818 prevé a posibilidade de reclamar, sen necesidade de avogado/a e procurador/a, a través do Procedemento Monitorio, débedas monetarias líquidas, determinadas, vencidas e esixibles de calquera contía, sempre que se reúnan os requirimentos legalmente previstos e se dispoña dos documentos acreditativos que esixe este tipo de procedemento:

  • Líquida: que se pode expresar numericamente ou como resultado dunha sinxela operación aritmética.

  • Determinada: coñecese con exactitude o montante.

  • Vencida: desde o momento de presentación da solicitude debe terse superado o prazo dispoñible para o seu pagamento.

  • Esixible: estando o debedor obrigado ao seu pagamento.

E dicir, o seu obxecto limítase a reclamacións de carácter económico, non podendo estenderse a outro tipo de obrigas. Tampouco serve para aqueles supostos nos que dende o inicio sexa necesaria unha declaración do Xuíz ou que consistan en asuntos de familia.

Taxas:

As persoas físicas están exentas do pago de taxas xudiciais.

No caso de persoas xurídicas, a taxa componse dunha cota fixa (100€) máis unha cota variable que pode calcularse na calculadora de taxas xudiciais.

Para que a demanda presentada sexa admitida, é necesario que a débeda se acredite dalgunha das formas seguintes:

1) Mediante documentos, calquera que sexa a súa forma e clase ou o soporte físico no que se atopen, que aparezan asinados polo debedor ou co seu selo, sinal ou marca ou con calquera outro sinal, físico ou electrónico.

2) Mediante facturas, albaráns de entrega, certificacións, telegramas, telefax ou calquera outro documento que, aínda que unilateralmente creados polo acredor, sexan dos que habitualmente documentan os créditos e débedas en relacións da clase que apareza existente entre acredor e debedor.

O formulario de presentación deberá ir asinado polo demandante, aportando o correspondente poder notarial, no caso de que actúe en nome dunha sociedade.

Comunidades de propietarios, reclamación de cotas comunitarias:

Será preciso presentar a certificación do acordo da xunta aprobando a liquidación da débeda coa comunidade de propietarios por quen actúe como secretario da mesma, co visto bo do presidente, sempre que tal acordo fose notificado aos propietarios afectados na forma establecida no artigo 9 da Lei 49/1960, de 21 de xullo, sobre propiedade horizontal.

No caso de tratarse dunha tramitación presencial é obrigatorio entregar unha copia, tanto do formulario como de toda a documentación que o acompaña, para a súa entrega ao demandado.

A presentación da solicitude levarase a cabo no Servizo Común de Rexistro e Reparto (Decanato) ou directamente no xulgado, para o suposto de que este fose único no partido xudicial, do partido xudicial ao que corresponde o domicilio ou residencia do demandado.

No caso de que este domicilio non se coñecese, pode presentarse no partido xudicial no que o debedor puidera ser atopado ou, no caso de tratarse de gastos de Comunidades de propietarios, no que corresponde ao municipio no que se atopa a finca.

Pode atopar a localización e datos dos Decanatos e Servizos comúns no Directorio Xudicial.

É un procedemento especial introducido pola Lei 1/2000 do 7 de Xaneiro, de Axuizamento Civil e que se regula nos seus artigos 812 e seguintes. Serve para a reclamación de débedas dinerarias de calquer importe e sen límite de contía.

O procedemento monitorio preséntase como un instrumento rápido, sinxelo e eficaz para a xestión do cobro deste tipo de débedas.

So no caso de que o debedor se opoña á reclamación poderá ser necesario realizar vista.

A través do procedemento monitorio só se poderá reclamar o pago de débedas de cartos, sempre que tales débedas reúnan os requisitos que se recollen en "Cales son os requisitos que debe reunir una débeda de cartos para que sexa posible reclamar o seu pago a través do procedemento monitorio?" e se acrediten nalgunha das formas descritas en "Como debe acreditarse a existencia da débeda dineraria para poder reclamala a través do xuízo monitorio?".

En consecuencia, a través do procedemento monitorio tamén poderán reclamarse as rendas ou cantidades debidas polo arrendatario de finca urbana.

A débeda deberá reunir os seguintes requisitos:

  • Ser líquida.- Que a cantidade reclamada se poda expresar de forma numérica, xa sexa directamente ou mediante una sinxela operación aritmética.

  • Ser determinada.- Que se coñeza con precisión o montante da débeda.

  • Estar vencida.- Que sexa reclamable no momento da petición inicial de procedemento monitorio.

  • Ser esixible.- Que o debedor estea obrigado ó pago da débeda.

A débeda, ademais de ser líquida, determinada, esixible e estar vencida, deberá acreditarse mediante algunha das seguintes maneiras:

  1. Mediante documentos, calquera que sexa a súa forma e clase ou o soporte físico no que se atopen, que aparezan firmados polo debedor ou có seu selo, impronta ou marca ou con calquer outra sinal, física ou electrónica.

  2. Mediante facturas, albaráns de entrega, certificacións, telegramas, telefax ou calquer outro documento que, aínda que fosen unilateralmente creados polo acredor, sexan dos que habitualmente documentan créditos e débedas en relación da clase que apareza existente entre acredor e debedor.

Tamén se poderán reclamar a través do xuízo monitorio as débedas de cartos que sendo líquidas, determinadas, vencidas e esixibles, se acrediten da seguinte maneira:

  1. Cando, xunto có documento no que conste a débeda, se aporten documentos comerciales que acrediten unha relación anterior duradeira.

  2. Cando a débeda se acredite mediante certificacións de impago de cantidades debidas en concepto de gastos comúns de Comunidades de Propietarios de bens urbanos.

Ante o Xuíz do Xulgado de Primeira Instancia do domicilio ou residencia do debedor ou ante o Xuíz do Xulgado do Mercantil do domicilio ou residencia do debedor, que conforme ó artigo 86 ter da LOPJ, entre outras competencias tramitará:

  1. As demandas nas que se exerciten accións relativas a competencia desleal, propiedade industrial, propiedade intelectual e publicidade, así como todas aquelas cuestións que dentro de este orde xurisdicional se promovan ó amparo da normativa reguladora das sociedades mercantís e cooperativas.

  2. As pretensións que se promovan ó amparo da normativa en materia de transportes, nacional ou internacional.

Se non se coñecese o domicilio nin a residencia do debedor, a petición inicial de procedemento monitorio poderá presentarse ante o Xuíz do Xulgado de Primeira Instancia ou do Mercantil do lugar no que o debedor puidera ser achado para requirilo de pagamento.

Nos supostos de reclamación de débedas xeradas como consecuencia do impago de cantidades debidas en concepto de gastos de Comunidades de Propietarios de inmobles urbanos, a petición inicial de procedemento monitorio tamén poderá presentarse ante o Xuíz do Xulgado de Primeira Instancia ou do Mercantil do lugar onde se atope a finca (a elección do solicitante)

No Servizo Común de Rexistro e Reparto dos Xulgados aos que corresponde o domicilio do demandado, ou no Xulgado de Primeira Instancia correspondente no caso de que este fose único no partido Xudicial, ou a través da Sede Xudicial Electrónica, para o caso de que esta funcionalidade estea operativa.

A petición inicial de procedemento monitorio realizarase mediante escrito no que deberá constar necesariamente a seguinte información:

  • A identidade do debedor (nome e apelidos ou denominación social e DNI/NIF ou CIF)

  • O domicilio ou domicilios do acredor e do debedor ou o lugar no que residisen ou puidesen ser atopados.

  • A orixe e contía da débeda.

A confección do escrito poderá facerse tamén mediante formulario normalizado posto a disposición dos cidadáns a través da Sede Xudicial Electrónica, nos propios órganos xudiciais e nas Oficinas de Atención ó Cidadán.

O escrito ou formulario, debidamente cumprimentado, no que se formula a petición inicial de procedemento monitorio debe constar asinado polo solicitante.

No caso de que o solicitante represente a unha persoa xurídica, deberá aportar o correspondente poder notarial, que lle autorice a intervir no seu nome.

Do escrito ou formulario e dos documentos que se acompañen deberán presentarse as correspondentes copias para o seu traslado ó demandado.

Para a petición inicial de procedemento monitorio non é obrigatoria a intervención de avogado nin de procurador, calquera que sexa a súa contía.

Sen embargo, se a cantidade reclamada excedese de 2000 € e o debedor se opuxese á reclamación, si será necesaria a intervención destes profesionais. Neste caso, o propio escrito de oposición deberá constar firmado polo avogado e o procurador.

Tamén será necesaria a intervención de avogado e procurador para solicitar o despacho da execución no caso de que o debedor non pague nin se opoña á petición inicial de xuízo monitorio no prazo concedido, cando a cantidade reclamada supere os 2000 €.

Para o caso de que se designe avogado e/ou procurador de forma voluntaria, deberá terse en conta, con carácter xeral, que os gastos do avogado e o procurador non poderán repercutirse ó debedor (non pode incluírse na taxación de costas) cando non sexa preceptiva a súa intervención, salvo no caso de reclamacións de gastos das Comunidades de Propietarios posto que o artigo 21 da Lei de Propiedade Horizontal si o permite.

Recibida a petición inicial de procedemento monitorio, o Letrado da Administración de Xustiza procederá ó seu exame e admisión, salvo que considere que existe causa para a súa inadmisión, caso no que dará conta ó Xuíz a fin de que resolva.

Unha vez admitida a solicitude, o Letrado da Administración de Xustiza acordará requirir ó debedor para que, no prazo de vinte días, pague ó peticionario, acreditándoo ante o tribunal, ou compadeza ante este e alegue, de forma fundada e motivada, en escrito de oposición, as razón polas que ó seu entender, non debe en todo ou en parte, a cantidade reclamada.

Se durante o curso do procedemento se constata que o demandado ten a súa residencia noutro partido Xudicial ou o resultado das xestións para a pescuda do domicilio resultasen infrutuosas, porase fin ó procedemento monitorio para que o interesado poida presentar a súa reclamación ante o Xulgado correspondente ou a través do proceso declarativo que corresponda.

No procedemento monitorio non se contempla acudir á publicación de edictos para requirir de pago ó demandado, posto que tal requirimento só pode realizarse persoalmente.

A única excepción é a prevista para a reclamación de gastos comúns de Comunidades de Propietarios. Neste caso, si se admite que o requirimento se practique por edictos, sempre que antes se intentase con resultado negativo no domicilio previamente designado polo debedor para as notificacións e citacións de toda índole relacionadas cós asuntos da Comunidade de Propietarios ou, para o caso de que o debedor non designase domicilio a tales efectos, no piso ou local que xerase a débeda.

  • Incomparecencia do debedor requirido e despacho da execución.

    Se o debedor non atendese ó requirimento de pago ou non comparecese no procedemento no prazo de vinte días, ditarase Decreto polo Letrado da Administración de Xustiza.

    Para solicitar o despacho da execución bastará a mera solicitude do acredor.

    Dende que se dite o auto despachando a execución, a débeda devindicará os intereses previstos no artigo 576 da Lei de Axuizamento Civil, é dicir, un interese anual igual ó do interese legal do diñeiro incrementado en dous puntos ou o que corresponda por pacto das partes ou disposición especial da lei.

  • Pago do debedor

    Se o debedor atende ó requirimento de pago no prazo de vinte días, tan pronto coma se acredite no procedemento, o Letrado da Administración de Xustiza acordará o arquivamento das actuacións, salvo que a reclamación derive de gastos dunha Comunidade de Propietarios, en cuxo caso poderase solicitar a taxación de costas se interviñeron avogado e procurador.

    O debedor poderá facelo pago da cantidade reclamada das seguintes maneiras: a) directamente ó acredor; b) ingresándoa na Conta de Depósitos e Consignacións Xudiciais do Xulgado; e c) mediante transferencia bancaria á conta que o acredor designe da súa titularidade.

  • Oposición do debedor

    O debedor poderá opoñerse á petición inicial de procedemento monitorio, dentro do prazo de vinte días dende que lle fose practicado o correspondente requirimento xudicial de pago, expresando por escrito as razóns polas que, ó seu entender, non debe, en todo ou en parte, a cantidade reclamada.

    Se a cantidade reclamada supera os 2000 € o escrito de oposición deberá constar asinado por avogado e procurador.
    Se a oposición do debedor se fundase na existencia de pluspetición (ó considerar que non debe parte da débeda reclamada) actuarase da seguinte maneira:

    1. Respecto á cantidade recoñecida como debida: a instancia do peticionario, o tribunal poderá ditar de inmediato auto acollendo as pretensións que fosen obxecto de recoñecemento polo debedor. Este auto será executable.

    2. Respecto á cantidade restante reclamada polo peticionario e non recoñecida polo debedor continuarase o proceso polos trámites que corresponda.
    3. Unha vez presentado o escrito de oposición poderanse dar dous supostos:

      • Que a cantidade reclamada non exceda dos 6000 € ou que se reclamen rentas ou cantidades debidas polo arrendatario de finca urbana, caso no cal o Letrado da Administración de Xustiza ditará Decreto dando por terminado o proceso monitorio e acordando seguir a tramitación conforme ó previsto para xuízo verbal.

      • Que a cantidade reclamada exceda de 6000 €, en cuxo caso o acredor demandante deberá presentar a demanda correspondente no prazo dun mes dende que se lle de traslado do escrito de oposición.

        Se transcorrido o referido prazo o acredor demandante non presentase a correspondente demanda o Letrado da Administración de Xustiza ditará Decreto sobresendo as actuacións e condenando a costas ó acredor.

        Se polo contrario, o acredor peticionario presentase, dentro do prazo de vinte días, a correspondente demanda, o Letrado da Administración de Xustiza ditará Decreto poñendo fin ó proceso monitorio e acordará o traslado dela ó demandado conforme ó previsto para o xuízo ordinario, salvo que non proceda a súa admisión, en cuxo caso dará traslado ó Xuíz para que resolva.

  • Imposibilidade de localización do debedor

    Se o debedor estivese ilocalizable, procederase conforme ó artigo 813 ditando auto dando por terminado o proceso, facendo constar tal circunstancia e reservando ó acredor o dereito a instar de novo o proceso ante o Xulgado competente.